A Vicepresidencia da Deputación organizou 450 actividades culturais e lúdicas ao longo de 2022

• Maite Ferreiro destacou o contacto directo e continuo con concellos e asociacións para desenvolver unha axenda cultural en galego por todo o territorio

A Vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro, nunha foto de arquivo, durante a presentación do Circuíto de Teatro Afeccionado.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizou 450 actividades culturais e lúdicas ao longo de 2022 nas distintas comarcas. Actuacións musicais, representacións teatrais, proxeccións, exposicións, espectáculos de narración oral e coloquios completaron a axenda de actividades programadas directamente pola área de Cultura.
A vicepresidenta, Maite Ferreiro , explicou que “as actividades chegaron á practica totalidade dos concellos, coa colaboración das propias entidades municipais e sobre todo das asociacións culturais” e puxo en valor o traballo desenvolvido polo servizo de Cultura “en contacto directo e permanente co persoal dos concellos e tamén cos colectivos culturais, co obxectivo de desenvolvermos unha axenda que facilite o acceso á cultura en todo o territorio” e a “programación de actividades en galego”.
Neste senso, destacou que “as programacións da área de Cultura son a base da axenda cultural en pequenos concellos, e tamén un recurso fundamental para a dinamización de espazos culturais e sociais nas parroquias, que articulan o rural”
Neste 2022, destacou, “reforzamos a colaboración con centros educativos, asociacións de nais e pais e colectivos ligados ao ámbito educativo e á mocidade, dando continuidade a programas como Ilustrarnos ou ao ciclo cultural arredor do Día de Rosalía, e apostando por levar ás aulas propostas audiovisuais ou musicais, que inciden no coñecemento do noso patrimonio cultural e ofrecen a profesionais de oficios creativos novas vías de difusión dos seus traballos”.
Maite Ferreiro apuntou tamén que “a actividade contribúe ao mantemento do sector cultural desde o punto de vista económico, xa que o investimento en programacións propias repercute directamente en profesionais autónomos e pequenas empresas que configuran o sector”

Teatro e música tradicional
Maite Ferreiro detallou que “un terzo das actividades corresponden a representacións dos circuítos de teatro profesional e amador, con preto de 134 funcións de corenta compañías, e actuacións de grupos de música tradicional, bandas e corais canalizadas a través do Tradigalu, co que se programaron 110 actuacións en 47 municipios, reforzando a presenza da nosa música en programacións culturais e celebracións populares organizadas tanto por concellos como por asociacións culturais”.

Audiovisual en galego
A responsábel provincial subliñou tamén “a aposta pola difusión do audiovisual en galego, consolidando da man da Academia Galega do Audiovisual, o Ciclo Mestre Mateo, co que se realizaron 40 proxeccións das películas de ficción e documentais finalistas destes premios en Foz, Chantada, Sarria, A Pobra do Brollón e Vilalba” e lembrou tamén “o ciclo de proxeccións ao aire libre que se desenvolveu durante o verán, con outras corenta proxeccións, tamén de filmes en galego ou dobrados ao galego”.

Actividades nos centros educativos
Ao longo do ano, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo ofreceu a centros educativos e asociacións de nais e pais diferentes propostas ligadas ás artes gráficas, ao audiovisual ou a música tradicional, introducindo nas aulas o traballo de creadores e creadoras galegas de diferentes disciplinas e fomentando o interese pola cultura e os oficios creativos entre as novas xeracións. En total, ao redor dos centros educativos, desenvolvéronse 88 actividades.
As programacións centrais foron un ano máis o programa IlustrarNós, con obradoiros de ilustración e intervencións murais nos centros, e o ciclo cultural do Día de Rosalía, cun abano de actividades ligadas á figura da autora. Alén diso, promovéronse proxeccións de documentais que propician un achegamento ao coñecemento científico como “Fontán. O primeiro rostro de Galicia” ou “Fillas do vento”, os obradoiros de música tradicional “Aprende raíz” e os de lingua e cultura portuguesa “O Português Simples”.
Maite Ferreiro explicou que “máis de medio cento de centros de primaria, secundaria, bacharelato e ciclos de formación profesional participaron ao longo do ano nestas iniciativas” e agradeceu “o interese e a colaboración que atopamos no profesorado e nas familias”
Música en galego
Durante os meses de primavera e verán e nos meses de Nadal, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo reforzou a colaboración con concellos e asociacións achegando música en galego, de moi diferentes estilos, a eventos culturais e lúdicos en todas as comarcas.
En total, programáronse 124 actuacións e espectáculos musicais e escénicos, na súa maioría de bandas e músicos da provincia ou con espectáculos dirixidos a público infantil.

Exposicións itinerantes
A Vicepresidencia promoveu a itinerancia das mostras “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, sobre o 50 aniversario dunha institución de referencia para a cultura galega, e “Galiza no deporte”, sobre a historia do deporte galego, que pasaron a por unha vintena de prazas e espazos públicos de todas as comarcas. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

As fortes choivas do primeiro de xaneiro provocaron inundacións, desbordamentos e cortes de tráfico en todo o sur de Lugo

Seguinte Nova

A Xunta e os concellos de Chantada e O Saviñao estudarán a posibilidade de implementar senllos polígonos agroforestais para gandería

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio

Don't Miss