O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca vén de anunciar en rolda de prensa o convenio que o Concello de Monforte asinará coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a construción da nova depuradora do Polígono Industrial do Reboredo.
O Alcalde sinalou que “vai supoñer un antes e un despois para o futuro crecemento desta zona industrial de Monforte”. E subliñou que “trátase dunha inversión que permitirá que o Polígono medre industrialmente e, como consecuencia, que haxa tamén un crecemento da actividade económica e de creación de postos de traballo, por tratarse dun servizo básico para que o Polígono funcione con normalidade”.
A Confederación Hidrográfica Miño-Sil aportará un 85% da inversión, case 4 millóns de euros, en 3 anualidades do seguinte xeito: -2023 490.485,15 €, 2024 1.793.500,00 € e 2025 1.626.014,85 €.
O Concello aportará o 15% restante, máis a parcela onde se ubicará a nova depuradora, sendo un total de 690.000,00 € o investimento(86.556,20 € en 2023, 316.500,00 € en 2024 e 286.943,80 € en 2025).
A parcela ten unha extensión de 5.000 m2, e tivo un custe de adquisición de 117.975,00 €, e foi comprada a Suelo Empresarial del Atlántico coa previsión de cedela para construír a nova depuradora. Por tanto, a aportación municipal ascenderá a un total 807.975,00 €.
Características da nova depuradora
“A nova depuradora”, explicou o Alcalde “terá capacidade para depurar o actual polígono completo e tamén ás ampliacións que temos en marcha, incluso se duplicáramos o polígono que hai neste momento”. “Con esta obra tamén se vai mellorar moito o medio ambiente, xa que as augas depuradas vanse entubar dende a saída da depuradora do polígono, ata a depuradora de Piñeira, sen ningún vertido, o que significa que o regato do Carballo volverá a ter vida, recuperando o seu estado orixinal”, salientou José Tomé.
O Alcalde salientou que “con inversións deste tipo, o Polígono de O Reboredo, ten por diante un futuro esperanzador, que xa é unha realidade despois de moitos anos de parálise, agora está en plena fase de crecemento e expansión”.
José Tomé tamén avanzou que “no primeiro semestre espero poder asinar outras inversións en saneamento de moito máis calado, se as conversas e os estudios que está facendo o Ministerio de Transición Ecolóxica finalizan como todos esperamos”. •