• O Centro de Saúde de Monforte recibiu o 2023 coas tres consultas de pediatría pechadas e no de Pantón segue sen recuperarse o terceiro médico
Leva xa moito tempo coleando a problemática situación en que se atopa a atención primaria na nosa comarca, fiel reflexo do que está a ocorrer en en toda Galicia e no conxunto do estado.
OS PROBLEMAS NO CENTRO DE SAÚDE DE PANTÓN
Foi o Centro de Saúde de Pantón primeiro coa perda do servizo de pediatría, e posteriormente coa non cobertura da vacante xerada tras a baixa dun dos tres médicos do mesmo, onde saltaron todas as alarmas. Pero esta precariedade xerada polas dificultades para cubrir as necesidades de facultativos médicos, especialmente, nos concellos rurais e de interior en Galicia, veuse xeneralizando durante os últimos meses, e vese especialmente agravada en períodos vacacionais, e sobre todo invernais, nos que ademais a presenza da gripe, e o incremento de casos de Covid-19 tamén incide nos profesionais sanitarios.
SEN PEDIATRAS EN MONFORTE
O alcance desta problemática que afecta os servizos de Atención Primaria quedou de manifesto coa situación dada durante as pasadas festas do Nadal no Centro de Saúde de Monforte, no que ningunha das tres consultas de Pediatría estivo dispoñible, unha situación que xerou inquietude e indignación entre a poboación. O pasado día 9 de xaneiro, convocados polo BNG, levouse a cabo unha concentración diante do mesmo, que contou cunha nutrida participación de cidadáns que manifestaron a súa desconformidade con esta situación e esixiron solucións á Xunta de Galicia para que proceda a solucionar de forma inmediata esta precariedade nos servizos de asistencia sanitaria.
Pero, visto o visto, non parece que a resolución sexa tan factible a curto prazo como a todos gustaríanos, e aínda que no Centro de Saúde de Monforte, coa finalización das vacacións do Nadal, vai aos poucos, recuperando os seus recursos, á data de peche desta información unicamente estaban operativas seis das doce consultas médicas que funcionan habitualmente, e unha soa das de Pediatría, aínda que as previsións era que en poucos días recuperaríanse ás outras dúas.
A XUNTA RESPONSABILIZA AO GOBERNO CENTRAL DA FALTA DE MÉDICOS
Pero o problema é de maior calado, pois desde a Xunta recoñecen unha evidencia, existe un déficit de facultativos médicos, respecto ao cal non se consideran responsables e reclaman ao Goberno Central de Pedro Sánchez medidas para que aborden un problema que consideran nacional. Lembran dende a Xunta que remitiron unha carta ao Ministerio de Sanidade na que solicitan a necesidade de convocar un pleno extraordinario do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, para abordar a situación do déficit de facultativos que afecta ao conxunto do territorio nacional. A misiva, dirixida á Ministra de Sanidade, Carolina Darias, tamén subliña o que consideran incumprimento dos acordos acadados en abril do ano 2018, un consenso no que se daba luz verde á revisión dos requisitos de acreditación dos centros e unidades docentes nas especialidades de Medicina familiar e Pediatría, ou á flexibilización dos procesos para incentivar a provisión das prazas de difícil cobertura. “Estas medidas seguen pendentes”, crítica a Xunta no texto, malia que xa transcorreron máis de catro anos desde o seu acordo. No texto, a Xunta insiste en que a carencia de profesionais médicos deu lugar a “unha situación crítica a nivel nacional” e que este feito require, en consecuencia, “de medidas de ámbito estatal que permitan superar conxuntamente esta situación”. Dende a Xunta lembran taménque o pasado mes de xullo, a propia Xunta, en colaboración co Departamento de Saúde do País Vasco, xa propuxo por medio dun Manifesto un conxunto de medidas ao Goberno de España, para atallar o déficit de especialistas médicos que padece o Sistema Nacional de Saúde, ao que con posterioridade se adheriron outros cinco gobernos autonómicos. O documento, ademais de demandar a necesidade de cumprir os acordos de abril do 2018, tamén engadía que era preciso crear a especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias, ou a necesidade de realizar as reformas precisas que permitan convocar 1.000 prazas MIR anuais a maiores.
E MENTRES,A CASA SEN VARRER
E ao final repítase unha historia que xa nos soa a repetida e pousada, reproches cruzados acerca de quen é o responsable dun despropósito que finalmente lle toca sufrir aos cidadáns , que o único que piden é que se resolvan os seus problemas, que os servizos estean en consonancia ás súas contribucións en forma de impostos, e que non estean condicionados polo lugar no que viven.•