Xornada de portas abertas na residencia de Ribas de Sil para tomar contacto coas instalacións e co persoal do centro

• O Centro de Atención a Maiores de Ribas de Sil, o noveno da rede provincial da Deputación, ofrece 29 prazas asistenciais e crea 25 postos de traballo directos

José Tomé Roca durante a xornada de portas abertas da nova residencia de Ribas de Sil. Foto GPDL.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou o Centro de Atención a Maiores (CAM) de Ribas de Sil no marco dunha xornada de portas abertas organizada pola institución en colaboración co Concello durante a que as persoas que solicitaron praza e outras interesadas tomaron contacto coas instalacións e co persoal do centro.
“Cumprimos co compromiso que tiñamos adquirido co Alcalde, co Concello e cos veciños e veciñas de Ribas de Sil de ter a punto esta residencia antes de acabar este ano 2022 para que poidan entrar a vivir nas vindeiras semanas os primeiros usuarios e usuarias”, subliñou o mandatario provincial, quen lamentou que o rexedor, Miguel Ángel Sotuela Vega, non puidera acudir por motivos de saúde. José Tomé asegurou en todo caso “que todo vai ben”, desexoulle unha pronta recuperación e avanzou que “volveremos nuns meses para que el poida participar na inauguración da residencia, pola que traballou e loitou tanto”. Na visita, na que participaron numerosos veciños, o Presidente estivo acompañado polos deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, e de Medio Ambiente, José Luis Raposo, así como do primeiro tenente de Alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, e de concelleiros e concelleiras da Corporación municipal e alcaldes da zona. O Presidente deu as gracias ó Alcalde de Ribas de Sil e a todo o seu equipo polo seu traballo, e recoñeceu o labor dos seus predecesores no cargo, e dos traballadores e traballadoras do Concello e da Deputación implicados na posta en marcha da residencia.
Co CAM de Ribas de Sil, o noveno da rede provincial, a Deputación ofrece 29 prazas asistenciais e crea 25 postos de traballo directos, ademais dun retorno en termos económicos e de emprego para o municipio e a comarca da Ribeira Sacra.
Neste sentido, o Presidente explicou que o centro de maiores “será un activo moi importante para o concello, tanto a nivel social, como económico”, porque, como todas as residencias da Deputación, funcionará baixo “un modelo 100% público, centrado nas persoas, non na rendibilidade económica; que favorece o arraigo porque teñen prioridade no acceso ás prazas os propios veciños de Ribas de Sil, logo os da comarca e os do resto da provincia; e que dinamizará a economía porque se crean 25 postos de traballo directos, e todos os produtos e servizos que sexa posible compraranse na zona”. “Estamos satisfeitos porque cumprimos con Ribas de Sil, pero tamén con todos os veciños e veciñas da provincia, porque conseguimos o obxectivo que nos marcamos cando tomei posesión como Presidente da Deputación no ano 2019: ter abertas 9 residencias antes finalizar o mandato”, destacou José Tomé, ademais de “seguir avanzando durante estes catro anos nos proxectos para crear outros 9 centros, xa que a rede de residencias da Deputación contempla un total de 18”.
O mandatario provincial incidiu en que a institución fixo todo este esforzo técnico e económico coa única colaboración dos concellos, pois a Xunta de Galicia, a administración que por Lei ten as competencias en servizos sociais, non aportou nada nin para a construción, nin para o funcionamento dos centros de maiores. O modelo asistencial a persoas maiores que ten implantado a Deputación de Lugo está xa moi contrastado, funciona noutros 8 concellos e, ademais, está xerando un gran interese dentro e fóra de Galicia. De feito, a institución xa acudiu en tres ocasións á Semana Europea das Rexións e Cidades para explicar o seu modelo, e foi a única de toda España convidada á presentación celebrada na Moncloa do PERTE da Economía Social e dos Coidados.
A residencia de Ribas de Sil é a sexta que a Deputación pon en marcha no vai de mandato e a novena da rede provincial en funcionamento, xunto coas de Trabada, Pol, Ribadeo, Castroverde, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Meira e Navia de Suarna.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O programa «Coidados Porta a Porta» visitará de novo o Concello de Bóveda

Seguinte Nova

Sarria adxudica 780.000 € en obras de abastecemento de auga que beneficiarán a preto de 1.000 veciños

Últimas noticias sobre SAÚDE

Ir aInicio

Don't Miss