A Ribeira Sacra preséntase en Fitur como un exemplo do modelo turístico sostible e de calidade

• A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou os esforzos da Xunta para posibilitar un desenvolvemento turístico planificado e seguro, que implique á poboación e ao territorio na consolidación da Ribeira Sacra como destino turístico

Unha ano máis Fitur congregou no IFEMA de Madrid a boa parte dos participantes no competitivo sector turístico mundial para presentar as súas ofertas para a nova tempada turística deste próximo 2023. E alí congregáronse moitos responsables políticos das diversas administracións, que cada vez teñen un maior protagonismo nos labores de promoción dos diferentes territorios. Desta forma, por IFEMA, deixáronse ver numerosos alcaldes, presidentes de Deputacións, conselleiros e por suposto o propio Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. E aínda que as condicións climatolóxicas coas copiosas nevadas puxéronlle difícil saír de Galicia en dirección Madrid, finalmente estas inclemencias meteorolóxicas non foron capaces de deterlles. Como dicía un enxeñoso tweet recentemente, era tal a congregación de alcaldes galegos en Fitur, que se houbese algún tipo de incidente grave en IFEMA, Galicia quedaba orfa de gobernos municipais. Un pouco esaxerado, pero quizá non tanto, polo menos do sur de Lugo houbo unha abundante representación que enxalzou todo o bo que ten a nosa comarca que ofrecer a aqueles que nos visiten. Aínda que tamén poderían comprobar a enorme competencia que hai no sector, e sería recomendable que fixesen un pouco de benchmarking, observar aqueles casos de verdadeiro éxito, e traernos novas ideas, que nunca está de máis.

PRESENTACIÒN DA RIBEIRA SACRA
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro destacou na Feira Internacional de Turismo, Fitur, o papel da Ribeira Sacra como o exemplo dun modelo de turismo sostible e de calidade pola súa paisaxe, patrimonio, historia, riqueza vitivinícola e termal.
Sinalou que a Xunta mantén un férreo compromiso con este territorio Reserva da Biosfera que conforma un polo de atracción de viaxeiros cun crecemento indubidable nos últimos anos. Desta forma, explicou na súa intervención que este enclave natural demanda un Plan de Sostibilidade Turística en Destino para posibilitar un desenvolvemento planificado que implique á poboación e ao territorio na creación de novos produtos e na consolidación da Ribeira Sacra como destino turístico.
Este plan da Xunta, segundo explicou, tradúcese en actuacións orientadas ao control e á diversificación de fluxos turísticos, así como á posta en marcha dunha mobilidade sustentable e respectuosa co entorno, aspectos clave desenvolvidos neste último ano polo Goberno galego.

RIQUEZA TERMAL
A directora de Turismo destacou ademais que a riqueza termal esténdese a todo o territorio, non so pertence á Ribeira Sacra, sendo Galicia “unha comunidade que conta con todos os elementos para despuntar aínda máis no Turismo de Saúde e Benestar”.
Durante a súa intervención nomeou as 300 captacións termais, así como os 21 balnearios que permiten manter a Galicia no liderado coa Q de Calidade Turística. Tamén fixo fincapé na lei de aproveitamento lúdico das augas termais que o Goberno galego regulou de forma pioneira en toda España.
Galicia conta con medidas para o impulso de este turismo como reflicte o Plan Termal 2014-2020, o Plan de Sostibilidade Turística Ourense Termal (1,3 M€) ou o Plan Territorial de Desenvolvemento Turístico en Destino 2023-2026, financiado con fondos Next Generation.
Segundo sinalou a titular de Turismo na súa intervención, “sabemos que xunto co Camiño e a nosa gastronomía, o noso patrimonio e cultura, o turismo termal é un activo singular” e destacou que tanto este como o patrimonio da Ribeira Sacra son “puntais que encaixan á perfección co modelo de calidade, seguro, natural e de espazos abertos que despunta con forza actualmente”.

CAMIÑO DE INVERNO
A Ribeira Sacra acolle dous itinerarios do Camiño de Santiago, o Camiño Francés, declarado Patrimonio Mundial e que cruza o territorio na súa área norte, atravesando os municipios de Paradela e Portomarín, e o Camiño de Inverno, cun interese e número de peregrinos continúa en aumento. •

Galicia aposta por un turismo sostible da man da enogastronomía

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou a aposta de Galicia por un turismo sostible da man da enogastronomía co obxectivo de consolidarse como destino de referencia na década xacobea. O mandatario galego asegurouno na súa visita á feira internacional de turismo Fitur, onde interveu na presentación da campaña Galicia, unha viaxe enogastronómica e sustentable e no acto do décimo aniversario do Clúster Turismo de Galicia.
O presidente da Xunta destacou os datos positivos do turismo en Galicia nos últimos anos malia a pandemia e a crise económica mundial. Fíxoo da man dun Xacobeo histórico que pechou cun récord de 438.000 peregrinos procedentes de 180 países e cun volume de viaxeiros ata o de agora nunca alcanzado, con 6,3 millóns de persoas que visitaron a Comunidade no 2022. En especial fixo referencia á campaña Camiña a Galicia que, da man de Xoel López e da súa música, quedará no recordo como unha das de maior impacto na promoción de Galicia.
O presidente da Xunta recordou que se presentan outras oportunidades únicas para regresar a Galicia nesta década xacobea na que volverán a ser santos os anos 2027 e 2032, polo que augurou cifras aínda máis optimistas porque, recordou, “Galicia está de moda”.
O mandatario galego indicou que boa parte dese éxito débese a que Galicia xa coidaba antes da pandemia aspectos que agora demandan os turistas do século XXI e que se axustan aos parámetros de calidade e sustentabilidade que esixe a Unión Europea, como o turismo tranquilo, o coidado da natureza ou o respecto polo medio ambiente. “Galicia é verde”, indicou o presidente da Xunta, quen abundou tamén en que ao turismo galego se lle poden aplicar as 4 R da sustentabilidade: reduce trafego, recupera patrimonio, recicla o estrés e reutiliza experiencias gastronómicas. Indicou que esta mesturanza de enogastronomía e turismo sostible figura en apostas como a Ruta dos Viños, o turismo náutico e deportivo ou o termalismo, numerosas experiencias que levan o selo de Galicia Calidade.
Alfonso Rueda invitou en Fitur a desfrutar desta década xacobea e a camiñar a Galicia os que aínda non o fixeran. E os que si, a repetir, “porque o que visita Galicia sempre volve”, asegurou.•

Lugo, provincia románica

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou no stand de Galicia en Fitur a nova campaña de promoción turística, Lugo, provincia románica, coa que dá un novo paso na súa estratexia para impulsar o turismo de calidade e sostible. Así o explicou Tomé Roca na presentación en Fitur, na que estivo acompañado polo protagonista da campaña, o actor Chechu Salgado, natural de Sober e que foi distinguido co Goya ao Mellor Actor Revelación no 2022. O promocional da Deputación amosa a viaxe sensorial de Chechu Salgado pola provincia.
Un audiovisual no que a paisaxe e o rico patrimonio do territorio acompañan ao intérprete para compartir cos espectadores a experiencia única que viven os visitantes que escollen Lugo como destino turístico. Sobre a iniciativa da Deputación, o Presidente explicou que “este ano optamos polo románico como fío condutor da nosa proposta”.
Sinalou que “Lugo é unha das provincias españolas nas que este estilo, ligado ao Camiño de Santiago, deixou maior número de monumentos. Unha concentración que sitúa a zonas como a Ribeira Sacra entre os grandes polos do románico a nivel de toda Europa”.
Neste sentido, o mandatario destacou tamén a entrada da provincia na Ruta Transrománica que supuxo un salto moi importante na promoción do románico da provincia como recurso turístico”.•

Sarria reivindica en Fitur a esencia do Camino Xacobeo

A concelleira do Camiño de Santiago en Sarria, Reyes Abella, participou na presentación do proxecto “Camiño Francés. Camiño 360” no stand de Galicia en Fitur, onde invitou a “preservar a esencia do Camino Xacobeo como ruta milenaria de peregrinación” e a “recuperar e poñer en valor a súa herdanza cultural”. Abella describiu o Camiño Francés como “unha ruta de historias, de cultura, de espiritualidade, de paisaxes e de convivencia” e salientou que, segundo os últimos datos da Oficina de Acollida ao Peregrino, ao longo do ano 2022 un total de 132.0487 peregrinos iniciaron en Sarria a súa andaina cara Compostela.

A concelleira salientou que a cifra de 132.047 peregrinos é “especialmente significativa para uns municipios localizados nunha contorna eminentemente rural, con dispersión poboacional e cunha dinámica demográfica regresiva”. “O Camiño Francés é para os nosos municipios un auténtico salvavidas contra o tsunami da España baleirada”, resaltou. .•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Inauguradas as novas instalacións do Centro de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) de Monforte

Seguinte Nova

Monforte presenta o seu programa de teatro para o primeiro primeiro semestre de ano

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: