O PPdeG urxe ao Goberno Central a mellora urxente da N-120 e a reactivación do proxecto da autovía A-76

A deputada popular Raquel Arias. Foto Arquivo.

O Partido Popular de Galicia demanda ao Goberno central a mellora integral da N-120 para reducir os riscos de seguridade viaria e a súa falta de funcionalidade, así como a reactivación das obras de construción e posta en servizo da A-76 por considerar que o seu atraso está provocando a perda de competitividade e o agravamento dos problemas demográficos da Comunidade.A través dunha proposición non de lei rexistrada esta semana no Parlamento de Galicia, os populares solicitan a reparación urxente da N-120 para avanzar na mellora integral da vía –incluída a implantación de terceiros carrís de adiantamento– e reducir os riscos para a seguridade viaria que presenta neste momento debido ao deterioro do seu firme.
Reclaman ao Goberno central que actúe de xeito urxente nos treitos especialmente deteriorados e garanta as condicións de seguridade e viabilidade en todo o percorrido da principal vía de conexión entre o sur da provincia de Lugo e a zona máis oriental de Ourense. A deputada popular Raquel Arias destaca que toda a estrada “desde a súa entrada en Galicia por Valdeorras ata a súa chegada ás cidades de Monforte de Lemos e Ourense presenta deficiencias no firme, pero hai tramos nos que a sucesión de gretas e fochancas obriga a extremar o coidado”.
Esta situación provocou que as últimas semanas foran especialmente negativas en canto á sucesión de accidentes na vía. Moitos deles vinculados ao mal estado do firme, como o sinistro múltiple que tivo lugar entre Monforte de Lemos e A Pobra do Brollón –no que resultaron danados 15 vehículos– e o accidente mortal acontecido nesta estrada ao seu paso polo municipio de Quiroga. Aos que se suman outros accidentes que se produciron con anterioridade, indican os populares.
Na iniciativa parlamentaria tamén se solicita reactivar, tanto desde o punto de vista técnico como económico, as obras de construción e posta en servizo da A-76 entre Ponferrada e Ourense como itinerario alternativo para a mellora da comunicación e da vertebración das provincias de Lugo e Ourense e destas coa Meseta. A falta de avances neste proxecto, que acumula atrasos de máis de dous anos sobre os prazos previstos, está provocando unha perda de competitividade importante e agrava os problemas demográficos. Non en balde, a interrelación económica e laboral entre as dúas zonas é moi relevante e vese prexudicada polas malas comunicacións viarias, así como polo conseguinte impacto na actividade turística, comercial e industrial.
Pola súa banda, dende o PP provincial sinalan que buscarán na Deputación o apoio do PSOE e BNG á súa moción para instar ao Goberno a “que aposte dunha vez polas infraestruturas viarias nacionais na provincia”.
Así o anunciou o portavoz popular, Javier Castiñeira, que declarou “demandamos investimentos reais e o inicio inmediato dos tramos da autovía da Mariña e do resto das prometidas polo PSOE e BNG no pacto de investidura, das que nada sabemos”. Os populares apuntan directamente ao presidente da Deputación: “Preguntámonos onde está o señor Tomé; unha vez máis desaparece cando os problemas están na Mariña onde apenas se coñece ao presidente da Deputación, un presidente incompetente coas estradas provinciais, que non dá a talla, e impasible coas estradas de Pedro Sánchez en Lugo”. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O BNG de Monforte pide a creación de puntos de carga para vehículos eléctricos

Seguinte Nova

Aberto o prazo de solicitude dunha nova edición do Bono Autónomo e do programa Xempre Autónomo

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: