• Entre os obxectivos para 2025 están acadar que o 70 % da poboación conte con competencias dixitais, impartir 140.000 horas de formación na Rede CeMIT e superar os 128.000 usuarios
A Xunta pon en marcha o Plan para o impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, que conta cun orzamento de máis de 39 millóns de euros para promover ata nove medidas artelladas en tres eixes estratéxicos: eliminar a fenda dixital, promover as competencias dixitais dos profesionais e impulsar as vocacións e o talento dixital avanzado en Galicia.
O plan marca unha serie de obxectivos intermedios para 2025 como que o 70 % das persoas conten competencias dixitais básicas, das que cando menos o 50 % serán mulleres. Están previstas máis de 60 actividades para a promoción do talento dixital e o fomento da presenza da muller en carreiras e profesións do ámbito tecnolóxico. Ademais, a Rede de Aulas CeMIT está en pleno proceso de transformación para proporcionar unha capacitación apoiada na dixitalización con tecnoloxía. A Rede prevé impartir 140.000 horas de formación dixital e acadar un total de 128.110 usuarios. Para facilitar o acceso a todas estas iniciativas, concederanse un total de 5.744 bonos dixitais para o acceso á conectividade de colectivos vulnerables ata o 2025.
O primeiro eixe do plan oriéntase ao eliminar a fenda dixital en colectivos vulnerables, persoas maiores e cidadanía en xeral con iniciativas concretas para cada grupo.
Para a alfabetización dos colectivos vulnerables, desenvolverase un programa de inclusión dixital a través da Rede CeMiT, que está a abordar a modernización e transformación dos seus espazos. Para a inclusión dixital dos maiores o plan contempla dúas actuacións, un programa de concienciación sobre uso de servizos dixitais e ciberseguridade; e outro destinado a mellorar as súas competencias dixitais, acompañándoos no uso de dispositivos e aplicacións.
A cidadanía en xeral poderá beneficiarse da formación dixital a través do Certificado Galego de Competencias Dixitais, que ofrece capacitación e a acreditación oficial das habilidades dixitais en diferentes niveis.
O segundo eixo do plan busca a adquisición, reforzo e actualización das competencias dixitais de todos os profesionais para facilitar unha adaptación proactiva e áxil ás esixencias dun mercado laboral cada vez máis tecnolóxico.
No terceiro eixo do Plan abordarase o impulso das vocacións científico-tecnolóxicas e o talento dixital avanzado.
Para avanzar neste camiño o plan prevé medidas específicas para fomentar o interese nos estudos STEAM dos máis cativos a través de talleres, encontros e actividades lúdicas, así como campamentos dixitais e Espazos Maker no GaiásTech e a Rede CeMIT dotados con equipamento tecnolóxico interactivo, impresoras 3D, drons, lentes de realidade virtual ou kits de robótica e programación.
DigiTalent 2030: Camiña en dixital nace con vocación de ser un instrumento vivo e flexible, que fusiona o Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 e o Plan DigiTalent 2020 nun único instrumento estratéxico e toma o seu relevo para enfocarse no horizonte 2030 coa misión de acadar unha sociedade máis autónoma dixitalmente, que non deixe a ninguén atrás.•