Nove millóns de euros anuais en axudas para fomentar a agricultura ecolóxica

O conselleiro do Medio Rural José González na reunión coas organizacións profesionais agrarias. Foto GPXG..

A Xunta dotará con 9 millóns de euros anuais as axudas para fomentar a agricultura ecolóxica, empezando polas correspondentes a 2023 e deica 2027, ata un total de 45 millóns de euros para o próximo período da Política Agrícola Común (PAC). Así o anunciou o conselleiro do Medio Rural, José González, no marco da reunión mantida hoxe coas organizacións profesionais agrarias (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia -Asaga- e Federación Rural Galega -Fruga-) e co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) por este motivo.
Este esforzo orzamentario supón un incremento anual de máis do 130 % sobre o presuposto previsto inicialmente para 2023, que era de 3,9 millóns de euros, e unha subida do 183 % en relación co destinado no 2022, polo que de facto case se multiplica por tres con respecto a esa anualidade.
Neste sentido, José González trasladou que tamén se incrementará en 3,5 millóns máis anuais a partida de Extensificación das explotacións gandeiras, dentro das axudas agroambientais, dirixidas a estes produtores “custodios do territorio” que contribúen á anticipación aos incendios forestais. Esta liña de achegas tamén contén un complemento de 1,5 millóns para o pastoreo en concellos con presenza do lobo. Desta forma, o total por ano destas axudas alcanzará os 13,65 millóns de euros (fronte aos 10,15 millóns que estaban previstos para este 2023, incluíndo dito complemento), ata un total de 68,25 millóns no conxunto do período de cinco anos.
A partir destas cifras, o conselleiro amosou o seu convencemento de que son fondos máis que suficientes para chegar a todos os potenciais solicitantes e reafirmou o obxectivo da Xunta de que ninguén quede sen axuda. Por iso, segundo engadiu, faise un importante esforzo para dar unha resposta moi firme á espectacular evolución que está experimentando a produción ecolóxica. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Ribeira Sacra Next AIE, un proxecto pegado a un territorio diferente e diferencial

Seguinte Nova

Éxito absoluto da novena edición do
Quiroga Trail Challenge

Últimas noticias sobre O MUNDO DO VIÑO E DO AGRO

A %d blogueros les gusta esto: