O proxecto de Indukern en Monforte declarado iniciativa empresarial prioritaria

• Alfonso Rueda resaltou que este proxecto, cun investimento de 33 millóns de euros na fase inicial, impulsará a consolidación de Galicia como “referente en materia de biotecnoloxía”

Infografía do proxecto de nova fábrica de Indukern no Polígono do Reboredo de Monforte

Levamos demasiados anos en Monforte esperando que os proxectos industriais cheguen para redimirnos de todos os nosos males, para recuperar un vello esplendor que xa só habita na memoria dos máis vellos do lugar. Tanto que xa estamos un pouco desconfiados, xa fomos perdendo a fe nun mesías redentor en forma de proxecto empresarial. Con todo, a noticia anunciada hai uns meses, relativa ao proxecto para a creación en Monforte dunha nova industria vinculada ao sector farmacéutico, parecía ter un maior fundamento para crer na súa viabilidade. E é que o grupo promotor pertencía a un monfortino emigrado hai moitos anos. E unha cousa é certa, esa nostalxia do emigrante, que soña con crear riqueza na súa terra de nacemento, foi o motor de grandes proxectos. Noutra páxina deste mesmo número de EnComún, falaremos de Hotusa en Chantada. Por que non habería de converterse en realidade este anuncio. Esquezámonos de Pacadar, e teñamos fe. De feito, hai un motivo máis para tela, pois dende a Xunta de Galicia, por medio do seu Presidente Alfonso Rueda, veñen de anunciar que o Consello da Xunta declarou como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Indukern para impulsar a instalación da planta de fabricación de inxectables en Monforte de Lemos. Deste xeito, dase un paso máis para “contribuír a consolidar Galicia como un referente en materia de biotecnoloxía”.
Rueda resaltou que nesta nova planta “fabricaranse medicamentos de uso humano” e albergará tamén un laboratorio de I+D+i para deseñar “futuros fármacos”. En concreto, cun investimento de 33 millóns de euros na fase inicial e 59,4 millóns de euros en total, o novo centro destinarase á fabricación, produción, acondicionamento e distribución loxística de produtos estériles farmacéuticos líquidos en diferentes formas de acondicionado como ampolas, viarias e xiringas precargadas dependendo do seu uso e tipoloxía de produto.
Elaboraranse medicamentos e realizaranse procesos de apoio como servizos asociados á produción, loxística e administración. O proxecto iniciarase cunha liña de produción de inxectables e coa posibilidade de expansión a catro liñas máis de produción. Tamén se incluirán oficinas para o control da propia planta e laboratorios de análise e desenvolvemento de I+D+i para futuros fármacos, polo que se aliña coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia complementando a cadea de valor do sector da biotecnoloxía, unha industria estratéxica na Comunidade Autónoma.
O proxecto cumpre cos requisitos para recibir esta declaración, en concreto supera o volume de investimento mínimo fixado nun millón de euros (serán 33 millóns de euros na primeira fase e 59,4 en total); a creación de 62 empregos na primeira fase; así como complementar cadeas de valor ou pertencer a sectores estratéxicos como é, neste caso, a biotecnoloxía.
Esta declaración enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.
Deste xeito xa son 18 as iniciativas empresariais prioritarias declaradas e lideradas por Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Oviganic (Monforte de Lemos), Sogama (Vilanova de Arousa), Ignacio González Montes (Ribeira), Bionerxías de Lugo e Sarreaus (Ourense), Novafrigsa (Lugo), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Hornos de Lamastelle (Carballo), Armonía Green Galicia (A Coruña), Cafés Candelas (Lugo), Bioenergía A Coruña (A Laracha), Valogreene Recinor (As Somozas), Green Umia (Caldas de Reis), Green Meiga (Begonte), Naturgy Nuevas Energías (en Meirama, Cerceda) e Kern Pharma (Monforte de Lemos).
“Estas 18 iniciativas contan cuns investimentos previstos de 1.275 M€”, indicou Rueda. Polo tanto, esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder ao solo empresarial.
A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica tamén a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios por parte da Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de barreiras á actividade empresarial.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sarria acolleu unha exposicion de gaitas de fol da Peninsula

Seguinte Nova

O Parlamento galego aproba por unanimidade pedir ao Goberno central a mellora integral da N-120

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: