Pantón renova o alumeado público
en 53 zonas do municipio

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, co Alcalde de Pantón, José Luis Álvarez supervisando os traballosl en materia de eficiencia enerxética na localidade . Fotos GPSGL.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou en Pantón a pegada que está a ter o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno nos municipios da provincia, con máis de 390.000 euros para a renovación e modernización do sistema de alumeado público exterior en 53 zonas do municipio. “O Goberno de Pedro Sánchez axuda aos pequenos municipios a loitar contra o despoboamento e a participar na transición enerxética, convertendo o Plan de Recuperación nunha oportunidade para acelerar o salto cara a unha economía máis verde, sostible e xusta”, destacou a Subdelegada quen explicou que estas actuacións no Concello de Pantón foron financiadas con 4 axudas do Programa DUS 5000, xestionado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. “Grazas ás axudas por parte do Estado o Concello de Pantón puido modernizar máis do 45% do alumeado público do municipio con tecnoloxía eficiente, reducindo un 75% o consumo enerxético, o que lle permite ao Consistorio reducir a súa factura enerxética anual en máis de 80.000 euros que poderán investir noutras prioridades e mellorar os servizos públicos que ofrecen aos veciños e veciñas”, subliñou Isabel Rodríguez. A subdelegada reuniuse co seu alcalde, José Luis Álvarez, e parte da corporación municipal, para informarlles, ademais, sobre os programas dispoñibles do Goberno en materia de vivenda, transición ecolóxica e administración pública, e coñecer, ao mesmo tempo, as súas demandas e inquedanzas.
Isabel Rodríguez explicou que a achega económica do Executivo cobre o 85% do total das actuacións e significa unha importantísima colaboración para un Concello como Pantón, “que puido afrontar unha obra que hoxe cobra moita relevancia polos custes da enerxía e pola necesidade de avanzar na transición enerxética”. Así, substituíron 1.154 luminarias por unhas novas de tecnoloxía LED. Ademais, renováronse 44 instalacións en máis de 50 núcleos do concello, incluíndo cadros de protección e parte do cableado. Concretamente, os núcleos de Pantón que se beneficiaron destas obras son Ferreira, Siós, Castillón, Acedre, Mato, Piñeiro, Ferreiroá, Paderne, Virís, Sernande, Vilanova, Tanquián, Guende, Ral, Hermida, Xesteira, San Vicente, Serpentiña, Bargo, Castroañe, Carballo, Campo, Formulia, Cotillón, Cangas, Oseira, Guiande, Panfulía, Guítara, Pereiro, Trasulfe, Marce, Nadal, Vilafiz, Ferreira, Seoane, Souto, Prado, Santalla, Vilamelle, Deade, Curro, Toldaos, Cangas, Alto Guítara, Barrio de Eiré, Seragude, Pantón, Souto, Torrón, Ribas de Sil, Estación e Piuca. O DUS 5000 vai dirixido a municipios cunha poboación de menos de 5.000 habitantes co obxectivo de incentivar a transición enerxética e o cambio cara á mobilidade sostible dos pequenos concellos, que teñen máis dificultadas para acometer grandes investimentos, mediante proxectos singulares e de enerxía limpa.
A subdelegada tamén informou da presenza de Pantón nas dúas convocatorias de dixitalización do territorio que impulsa o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dentro do Plan de Recuperación. Así, Pantón contará con internet de alta velocidade, superior a 300mb, en 421 puntos nos que se localizan 1.336 vivendas e empresas do municipio. “Garantimos a conectividade de máis de 300 megas á práctica totalidade do territorio, en zonas nas que a día de hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, básica para a xente que vive no rural e para asentar nova poboación”, engadiu Isabel Rodríguez.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sober comeza o Entroido co xoves de compadres e recupera o seu tradicional baile da cachucha

Seguinte Nova

Digitalent 2030, o plan para eliminar a fenda dixital

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: