Asóciase a Ribeira Sacra ao turismo e ao mundo do viño, sectores que progresaron enormemente, ao amparo, en boa medida, ao importante investimento público na regulación e promoción dos mesmos. Pero a realidade é terca, e o despoboamento que estamos a sufrir non é senón a proba palpable de que estes esforzos, aínda que son encomiables, maniféstanse insuficientes. Fai falta máis iniciativa privada que poida canalizar o talento dunha xeración máis formada e preparada que nunca, pero que con todo estase vendo obrigada a buscar opcións laborais lonxe da nosa terra. Por iso agradécese a iniciativa da que acabamos de ter noticia, que están a levar a cabo un grupo de empresarios da Ribeira Sacra. Os promotores deste novo proxecto consideran a Ribeira Sacra un territorio diferente e diferencial, con infinidade de posibilidades, pero tamén carencias. Entre as carencias destacan a falta dun colectivo empresarial que contribúa a mellorar os resultados da actividade do conxunto das empresas radicadas neste territorio. Tamén consideran unha limitación a visión separada do territorio Ribeira Sacra entre as provincias de Ourense e Lugo.
Con todo, propoñen esta agrupación de empresarios das dúas provincias para que desenvolva actividades auxiliares de toda índole que complementen as que desenvolven os seus socios como emprensas individuais.
“Apostamos pola constitución dunha agrupación de empresas que defina os intereses do territorio en clave empresarial e social e que poña os medios para acadar os obxectivos plantexados”, aseguran. O día 4 de xaneiro creouse a agrupación ante notario, “por rapidez e operatividade, fíxose con 4 empresas”: Manuel Dacosta de Galega de Investimentos e Proxectos; Alberto Vázquez Cabo de CTGalega, Manuel Fernández de Gourmet Ribeira Sacra e Óscar González de Casa do Curuxo; actuando como secretario, pola longa traxectoria en iniciativas de emprendemento empresarial, Severino Rodríguez de Trámite Asesores. Manuel Dacosta destacaba na presentación, “Os empresarios son os que van marcar a ruta. Confiamos firmemente neste territorio, pero cremos que parte dos esforzos se perden pola dispersión e a falta de unidade. A Agrupación é 100% empresarial, 100% económica para beneficiar a un territorio que nos beneficiará a todos. Desde a unión poderemos facer máis presión e posicionarnos no futuro a través do Nodo Tecnolóxico que colocalará á Ribeira Sacra en todas as partes do mundo desde o sector empresarial”. Ata o momento están inscritas na Agrupación Empresarial Ribeira Sacra, ademais das empresas que asinaron a constitución, unha vintena de empresas: Adegas Moure, Airas Moniz, A Despensa Galega, Casa do Muros, Centro de Día Vitaxer Monforte, Curgal, Curtidos Coiro, Dalia Sistemas, Eduardo Cid, Frutas As Cumbres, Galletas Daveiga, Iberik Augas Santas, Lincold Ibérica, Manuel Bistró, Oviganic Ibérica, Rubén Moure, Tecnagi, Trespés. O vindeiro 16 de febreiro ás 20.00h presentarase Ribeira Sacra Next AIE ante o sector empresarial, nun acto aberto a calquer empresa da Ribeira Sacra. Animan á participación para entre o “tecido empresarial avanzar unidos polo territorio, senon o futuro cómenos”.•