
A Consellería do Medio Rural aprobou no 2022 achegas por importe total de 17,2 millóns de euros entre as explotacións agrogandeiras da provincia de Lugo para impulsar a súa modernización e o relevo xeracional. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou de que ata o 27 de febreiro está aberta a convocatoria deste ano para as tres liñas de axudas do programa, que financia a realización de novos investimentos, o desenvolvemento de pequenas explotacións e a incorporación de persoas mozas, podendo obter apoios por varios conceptos.
Arias realizou estas declaracións durante unha visita a Casa Palacio, unha das explotacións beneficiadas na última convocatoria, situada na parroquia de San Miguel de Neira de Rei de Baralla. En concreto, o pasado ano aprobáronse 464 expedientes na provincia, e máis da metade foron para cofinanciar investimentos materiais ou inmateriais co obxectivo de mellorar o rendemento global, a competitividade ou a viabilidade das explotacións. Así, neste apartado o Goberno galego achegou 9,5 millóns de euros a 240 beneficiarios que declararon un orzamento apoiado total de 24,8 millóns; empleáronse na compra de maquinaria, terreos ou programas informáticos, ou na ampliación, reforma ou construción de instalacións, entre outros.
Máis de 6,7 millóns de euros foron destinados a 153 persoas de entre 18 e 40 anos que se estableceron por primeira vez como titulares de explotacións agrarias, unha medida para incentivar a fixación de xente nova no rural apoiando os investimentos necesarios no inicio da súa andaina profesional. Máis de 1 millón de euros distribuíronse entre 71 pequenas explotacións da provincia.•