O BNG denuncia a deficiente dotación sanitaria do sur de Lugo, e a Xunta anuncia concurso de méritos para 25 prazas médicas

O concurso ofertará tamén nesta zona, prazas de medicina de familia en Monforte e Sarria, e de pediatría de atención primaria para dar servizo aos concellos de Chantada, Quiroga, O Saviñao, Bóveda e A Pobra de Brollón. Foto ARQUIVO.

O Parlamento galego foi esta vez a sede da contenda política con motivo da situación sanitaria que se está vivindo na nosa comarca. Nunha pregunta ao goberno exposta pola deputada do BNG por Lugo, Carme Aira, reclamou “dotar de persoal necesario e reforzar as categorías para garantir unha atención de calidade na Atención primaria no sur de Lugo”.
Na pregunta ao conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, a deputada cualificou a dotación sanitaria pública para o sur de Lugo de “manifestamente deficitaria”, tanto na Atención primaria como hospitalaria e agravada pola “dispersión e media de idade dos seus habitantes”.
Para a deputada, a realidade constata que “a falta habitual de persoal facultativo deixa á poboación sen asistencia médica inmediata na Atención primaria” e ao resto de persoal dos centros cun incremento de “cargas de traballo inasumibeis”.
A parlamentaria nacionalista explicou que “a dotación de persoal médico no Centro de Saúde de Monforte, despois de meses con cinco facultativos ou menos, pasará a ter 7 ou 8 médicas e médicos dos 12 orzamentados e previstos” ademais de sen quenda de tarde. Pola súa parte, o persoal administrativo realiza triaxe, que non lle corresponde e o XIDE e persoal de enfermería atende ás persoas doentes que non teñen médico asignado. A deputada denunciou a falta de pediatras que obriga a unha gran parte das crianzas da zona a non recibir atención especializada xa que de 3 especialistas, “1 ou ningún en moitas ocasións”, deixan sen atender a máis de 3.000 crianzas de distintos concellos. Por outra parte, lembrou que o día 15 o Centro de Saúde de Pantón “quedou varias horas sen médico” e derivando aos doentes a Escairón. Esta deficiente situación sanitaria é a que estamos padecendo no sur de Lugo aínda que o Partido popular persista en “negar a realidade”. A parlamentaria nacionalista lamentou a falta de compromiso por parte do conselleiro de Sanidade e remarcou que os cidadáns do sur de Lugo non “merecen ser tratados como cidadáns de segunda”.

RESPOSTA DO CONSELLEIRO
“A Xunta de Galicia vai ofertar 25 prazas médicas por concurso de méritos para reforzar a asistencia sanitaria do distrito de Monforte”. Así o anunciou no Parlamento de Galicia o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en resposta á pregunta do Bloque Nacionalista Galego.
En concreto, esta convocatoria mediante concurso de méritos vai incluír 21 prazas de facultativo especialista no hospital comarcal de Monforte, das que o conselleiro dixo que cinco delas son de medicina interna, tres de cirurxía xeral e dixestiva, dúas de xinecoloxía, dúas de traumatoloxía, dúas de anestesia, e unha de cada unha das seguintes especialidades: dixestivo, dermatoloxía, otorrinolaringoloxía, pediatría, psiquiatría e rehabilitación.
Tal e como explicou Comesaña, combínanse prazas actualmente vacantes, como dermatoloxía ou rehabilitación, con outras cubertas por interinos, “pero o que imos lograr á volta do verán é que o Hospital de Monforte teñan 21 novos facultativos con praza fixa, que van permanecer no centro durante, polo menos, dous anos”.
En atención primaria, o concurso de méritos, -remarcou o conselleiro-, ofertará unha praza de medicina de familia en Monforte de Lemos e outra en Sarria, así como unha de pediatría en Chantada, e, tamén, a praza de pediatría que dá cobertura aos concellos de Quiroga, Bóveda, O Saviñao e A Pobra do Brollón. Segundo remarcou o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde, estas convocatorias vainas levar a cabo a Xunta de Galicia grazas á aprobación dunha Lei de medidas extraordinarias para as prazas de difícil cobertura, destinada a incentivar eses postos ofertándoos a través dun concurso de méritos, sen oposición, medida á que o grupo parlamentario do BNG votou en contra. O conselleiro de Sanidade dixo na súa intervención que a Xunta é consciente da problemática que se está a producir pola falta de médicos, xa que non hai profesionais nas listas de contratación para proceder á substitución cando hai baixas ou ausencias, e, ante isto, o Goberno galego acordou, en xullo do ano pasado, por unanimidade con todas as centrais sindicais da Mesa Sectorial, unhas medidas retributivas para compensar aos profesionais que teñen que asumir o exceso de traballo derivado de que faltan compañeiros. Así, a Xunta duplicou os conceptos retributivos vencellados ao illamento e aos postos de difícil cobertura, e incrementou a retribución das intersubstitucións e das prolongacións de xornada.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Oficina Conecta Lugo mellorou a participación das empresas nas axudas á innovación

Seguinte Nova

Chantada reforza os equipos de emerxencias fronte ás nevaradas

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: