O Concello de A Pobra do Brollón é o único que ten un alcalde do BNG na comarca de Lemos, José Luis Maceda, que leva gañando as eleccións dende 2007. Este ano, repetirá como candidato do BNG, e os partidos da oposición, están a preparar as súas candidaturas para tratar de rachar a tendencia que leva impoñéndose en Brollón nos últimos comicios.
CANDIDATURA
DO PP
O empresario Teddy López Pedredo será o candidato do Partido Popular á alcaldía de Pobra de Brollón. A designación do candidato foi dada a coñecer nun acto ao que asistiron representantes da dirección provincial popular, entre eles o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal, e o coordinador xeral e portavoz provincial, José Manuel Balseiro; participaron tamén alcaldes e portavoces da comarca, así como senadores e deputados autonómicos. O candidato, que é presidente da xunta xestora do PP local, sinala que, en canto ao que é a relación cos veciños, manterá un continuo proceso de escoita activa, para coñecer os problemas e ás súas inquedanzas, e aplicar a xestión correspondente para atender á veciñanza. En canto as grandes liñas de xestión do que será o seu traballo se é alcalde, destaca que entre as prioridades ten a de recuperar o servizo de extinción de incendios, que non existe. E nesta liña de protexer aos veciños fronte aos incendios forestais, destaca a necesidade de impulsar a limpeza das áreas de seguridade entorno aos núcleos de poboación.
CANDIDATURA DO PSdeG
Adolfo Rubio Pascual é o candidato do Partido Socialista á Alcaldía da Pobra de Brollón nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. A militancia da localidade respaldou por unanimidade a candidatura de Rubio, poñendo en valor a súa traxectoria profesional, a súa fonda vinculación coa Pobra e o seu coñecemento do concello, convérteno “no candidato ideal.
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, acompañou ao novo candidato socialista na súa presentación, onde subliñou a súa ampla experiencia profesional.
“Considérome unha persoa conciliadora que quere o mellor para o sitio no que vive. Este é un concello acolledor, no que sempre me sentín moi ben acollido, e este paso é tamén un xeito de devolver á Pobra o cariño e as oportunidades que me deu”, destaca Adolfo Rubio.
Ademais de proxectos concretos como a construción do centro de atención a maiores, o novo candidato sinalou que o seu obxectivo é “recuperar o entusiasmo e a ilusión” para a vida municipal. “Quero abrir as portas e as ventás do Concello para que corra o aire, ser un balón de osíxeno para a Pobra, porque creo que cando un leva tempo gobernando con maioría ás veces acomódase, perde as ganas e a ilusión. Eu veño a sumar, porque penso que a unión fai a forza”, asegurou Rubio.•