Non se pode dicir que Monforte sexa unha cidade na que historicamente se dedicou atención ao aspecto urbanístico. Moi ao contrario, durante moitos anos, eran as construcións as que normalmente servían de guía ao deseño do desenvolvemento da cidade, configurándoa, en ocasións, de forma un tanto caótica, con rúas sen saída, ocos entre rúas sen urbanizar, traseiras enormes, diferenzas nas alturas e tipos de construción, etc. Un conxunto innumerable de despropósitos urbanísticos, que para ser xustos, non é exclusivo de Monforte, senón que se converteu nos últimos tempos nunha característica dos pobos galegos. Un movemento sen dúbida vinculado ao chamado feísmo arquitectónico galego, que por moito que agora estea a ser obxecto de reinterpretación, non cabe dúbida, que non debese ser un modelo para seguir. Con todo, en Monforte, nos últimos tempos materializouse un cambio de tendencia, logo dos traballos levados a cabo na urbanización da chamada zona C, que tiveron tan boa acollida polos veciños. E nestes días, deuse a coñecer o que será o seu seguinte proxecto: a reparcelación da chamada“ZONA D”, que se corresponde cos terreos ubicados no centro da cidade inmediato ao Rio Cabe, e enfrente do Colexio da Compañía. A intervención terá lugar nunha zona en forma de rectángulo recortado que inclúe os terreos que están ubicados entre o Paseo do río, as traseiras dos edificios da Rúa Avda. de Galicia, as traseiras dos edificios da Rúa Cardenal e unha pequena parte do Parque dos Condes que se corresponde co lugar onde está ubicado o muro de peche e a pérgola.
A presentación tivo lugar nun acto no concello que contou coa participación, ademais do Alcalde José Tomé, coa Tenente de Alcalde, Gloria Prada e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada. Considera o Alcalde que “esta é unha nova acción que responde a seguir cumprindo co compromiso que este Equipo de Goberno e eu, como Alcalde, teño cos veciños e veciñas de monforte, de seguir mellorando o urbanismo da cidade, en todos os ámbitos, por iso, imos dar un novo paso na mellora e posta en valor dun espazo que neste momento está en parte degradado, que coincide coas traseiras do edificio do Banco de Bilbao e do edificio do supermercado Árbol”.
José Tomé explicou que unha vez rematadas as obras da Zona C, “o Equipo de Goberno vai a comezar a tramitación doutro ámbito territorial, próximo ao anterior, co convencemento de que lle vai a dar unha nova imaxe a esa zona de Monforte”.
A chamada “ZONA D” suma unha superficie de 3.274 m2 pertencentes a 33 propietarios coñecidos dos que o Concello ten datos, mais os herdeiros dunha situación indivisa que se descoñece cantos son, mais a unha comunidade de garaxe.
O rexedor explicou que esto vai a permitir eliminar unha pequena bolsa de maleza e abrir un novo vial que comunica a Rúa Cardenal co Paseo do río e que vai a xerar novas parcelas para edificar con baixo impacto, por outro lado, engádese tamén unha zona verde e o conxunto, tal e como remarcou José Tomé “vai a permitir cambiar a fisionomía da cidade e poñer en valor esa zona que se atopa moi próxima ao Monumento da Nosa Sra. Da Antiga”.
O Alcalde tamén sinalou que esta área de reparto ou polígono a urbanizar, foi aprobado nunha modificación puntual das normas subsidiarias do planeamento que tivo a súa aprobación definitiva o 12-04-00 e que foi publicada no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o día 26 de abril baixo a modalidade do sistema de compensación que legalmente lle correspondería desenrolar aos propietarios dos terreos. Pasados mais de 20 anos desde a súa aprobación, esta área de reparto non se urbanizou, polo que, este Equipo de Goberno tomou a decisión de modificar o sistema de compensación polo de cooperación, que foi aprobado no Pleno do Día 29 de Novembro de 2021, sen que no trámite e disposición pública se producira ningunha alegación.
Este cambio do sistema permítelle ao Concello tomar a iniciativa para proceder á urbanización deste novo espazo urbano, que da á fachada do Parque dos Condes.
O Alcalde quixo remarcar que no Pleno do día 29 de novembro de 2021 ó que fixo referencia, a modificación de compensación a cooperación foi aprobada por 11 votos do Grupo de Goberno e con 6 abstencións do PP, BNG e Esperta Monforte.
O proxecto de reparcelación vaise vai ter un custe de 376.744,67€ , aínda que cando chegue a fase do proxecto construtivo e debido a posibles cambios durante a fase de exposiciòn pública e alegacións, pode resultar algunha variación no orzamento. En todo caso, en termos xerais rondará os 400.000€ que se financiarán con fondos propios municipais.
Esta actuación afecta a 4 parcelas de a lo menos, 35 propietarios, ao que lle hai que sumar unha zona de terreo público. A propiedade do terreo afectada correspóndese con 1932 m de suelo privado e 1342m de terreo publico dos cales 791 correspóndense coa tira do zona verde pegada ao muro de peche cunha lonxitude de 41,5 m e 561 m do vial que descurre fronte á pérgola.
Cando a urbanización estea rematada o reparto dos novos terreos serán:
- Zonas verdes: 541 M2
- Viales: 1.550M2
- Edificables: 1.182,95M2 dos cales 1.126 poden dar lugar a baixos e 3.958 a uso de vivenda.
- As alturas modificables serán de baixo + 3 na zona que linda co Banco de Bilbao, e de baixo+ 1 na zona que linda co Paseo do río.
Tomé rematou a presentación, co desexo de que os propietarios cooperen co Concello para levar as obras a cabo o antes posible e que poidan estar rematadas, no horizonte do próximo ano 2024. Mostrouse convencido de que de que a “Zona D” resultará moi ben acollida polos veciños de Monforte, tendo en conta a excelente experiencia vivida coa Zona C.•