
Amplíase o prazo de presentación de solicitudes para as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación ambiental dos ecosistemas forestais. Deste xeito, o prazo rematará o 10 de abril. Esta ampliación permite que as persoas que xa formularon a súa solicitude no prazo transcorrido ata a modificación desta orde poidan mantela e modificala ou que persoas que non a formularan poidan facelo tendo en conta as novas condicións. Estas achegas contan cun orzamento de preto de 10 millóns de euros, cofiinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e van orientadas á prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. Establécense dúas liñas de axuda. Por un lado, achegas para a prevención, que contemplan rareos, rozas e podas en masas de coníferas, así como accións preventivas dos danos causados nestas mesmas masas por enfermidades fúnxicas defoliadoras. Tamén se inclúen rozas en masas de piñeiro que conten con instrumentos de ordenación ou xestión forestal. Poden ser beneficiarias persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda. Estas son maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas ou Sociedades de fomento forestal. Tamén propietarios particulares e as fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. •