
Unha das principais características destes tempos novos e modernos que nos toca vivir, vén marcado sen dúbida polas novidades no ámbito da comunicación. Moitos e diversos son os novos medios á nosa disposición para facer chegar as nosas mensaxes, máis aló dos clásicos como as publicacións en papel, a radio e a propia televisión. A variedade de redes sociais, youtube, tik-tok, os podcasts, etc. Son innumerables as opcións, e os políticos fóronse sumando ás mesmas para lanzar as súas mensaxes.
Agora tamén no ámbito da política local. Katy Varela, candidata do PP á alcaldía de Monforte, participou no poscast Primeira Persoa, que o propio PP de Galicia creou para dar a coñecer de forma máis persoal aos seus candidatos. Nel, a candidata monfortina permítenos escoitar de primeira man algunha das súas opinións:
Katy Varela, di que “a política local é fundamental, porque estás á beira do cidadán, sabes o que quere; todo o mundo [en política] debería de pasar pola política municipal”.
De Monforte, sinala: “Ten unha historia moi importante; foi un importante eixo de comunicacións por ferrocarril”. Dos monfortinos destaca que a cidade “deu moitas figuras moi importantes”. Entre elas, na actualidade, cita políticos como Francisco Conde; cineastas como Dani da Torre, que -indica- “filmou recentemente unha película na Ribeira Sacra; presentadores de televisión, etcétera”.
A Katy Varela resúltalle difícil elixir que é o que máis lle gusta da súa cidade, pero, posta a resumir, resalta no persoal á súa familia e aos seus amigos, así como os recordos da infancia, entre eles, os dos veráns calorosos. Gústalle “a historia da cidade, da que podemos presumir”. Monforte -asegura- “é unha cidade moi animada: Como nos gusta unha boa festa!”
A candidata popular á alcaldía monfortina cre que a súa cidade vive “un certo declive” e está en política, aspirando a gobernar, porque quere que recupere “o brillo que tivo e [para iso] é fundamental que no Concello haxa un equipo que aspire a recuperar ese brillo”. Hoxe, Monforte “ten un alcalde que o que quere é poñerse el no mapa”.
Varela indica que apenas ten tempo libre e está convencida de que, “ao final, a política ten que ser tamén o teu lecer”. Gústalle estar coa familia e cos amigos, a lectura, as series de televisión e a música en directo. Defínese como “alegre, pacífica, empática e algo cabezota”. •