Sempre son de agradecer as novas iniciativas culturais que xorden na nosa comarca. Unha delas, é a Bóveda Slam Poetry, que se celebrará en Bóveda o próximo 25 de marzo, organizada por KulturN’aldea, un grupo de persoas amantes da poesía, encabezadas por Xosé Casar. Pero vaiamos por partes. Que é iso de Slam Poetry? Pois é unha especie de competición poética, un encontro de poesía recitada no que participan os propios autores fronte a unha audiencia que puntúa tanto os seus versos como a maneira en que os fan chegar ao público. Este tipo de competicións naceron a mediados da década dos 80 en Chicago da man do poeta Marc Smith, para logo estenderse no resto do país. O slam ten a filosofía de promover unha poesía popular, máis próxima á xente común que á academia. O evento despréndese das lecturas solemnes ou lúgubres e, en cambio, propón un ambiente dinámico e distendido, con música de DJ e unha barra con cervexa. O slam vén demostrar que para ser profunda, a poesía non necesita ser aburrida.
No Slam Poetry, só se pode usar en escena a interpretación vocal e corporal, non se poden levar vestimentas diferentes ás do día a día, nin accesorios teatrais e tampouco usar música. A diferenza das coñecidas pelexas de galos, nos Slam Poetry non se improvisan os textos, chégase con eles memorizados; ademais, os participantes non se enfrontan en chaves pechadas de dúas, senón que as súas puntuacións son as que os impulsan a avanzar ás roldas seguintes de cada competición.
A idea de KulturN’aldea é poñer a Bóveda no mapa do Slam Poetry nacional, e para iso leva meses traballando, pois xa desde o 13 de febreiro, a través de redes sociais abriuse a convocatorioa para participar neste evento.
As bases do mesmo sinalan que Faranse 5 combates a golpe de verso ao longo do ano: ademais do de marzo, haberá probas en maio, xuño, setembro e outubro, e unha Gran final no mes de novembro. Seis combates por tempada. O campión de cada combate e máis o segundo mellor posto da tempada clasifícanse para a Gran Final. Abrirase vía redes sociais unha convocatoria para cada proba, no que se indicará o correo no que haberá que inscribirse. Non se fará selección nin sorteo e ficarán inscritos os primeiros 7 correos que cheguen e máis dous reservas. Para este primeiro slam de marzo, os poetas elexidos foron Mónica Sánchez, León Ferrini, Randi Montero, Roberto López, Noa Moreira, Jonatan Jorge e Iria Seoane. A interpretación poderá ser en en calquera idioma e a temática é libre.
O combate farase a dúas roldas, polo que deberán traer preparados dous poemas para competir. Os poemas deben ser de autoría propia, tanto os que se envíen para a inscrición coma os que se reciten no slam.•