Por Gonzalo L. Torres
Alá polo mes de novembro fallábase unha nova edición dos premios Semente, que ano tras ano, buscan apoiar a proxectos innovadores que xurdan na nosa comarca. Outorgou o seu primeiro premio a Lácteos Ribeira Sacra, por unha iniciativa de transformación do leite que producen na gandería familiar Puluán SC. Desde entón pasaron uns cuantos meses, e entendemos que era un bo momento para achegarnos a coñecer de primeira man e en maior profundidade esta iniciativa, e comprobar como lles ía na súa posta en marcha. O primeiro que fixen foi contactar con eles, e pedirlles a dirección, pois eu descoñecía onde se atopaba esta gandería. Explicáronme que estaba na antiga estrada de Quiroga, un pouco despois da fábrica do Castelo. E de camiño á miña cita, deime conta da cantidade de anos que facía que non pasaba por esa estrada, por outra banda tan significativa para min, pois o meu pai traballou toda a súa vida na fábrica de ladrillos do Castelo, polo que forma parte da miña memorias entimental. Ademais, arquitectónicamente, ese edificio paréceme magnífico, un gran exemplo de arquitectura industrial, que lamentablemente, tamén estamos a deixar que se bote a perder. Tamén pasei xunto ás antigas instalacións de Butano. Loxicamente xa hai moito tempo que non hai tanques. E a nostalxia comezou a apoderarse de min. Fágome maior, e as paisaxes que creceron comigo vanse perdendo. É lei de vida. Pero outros xorden, a contorna cambia. Enseguida vexo as instalacións de Puluán, e sorpréndeme ao ver a magnitude das mesmas. Chamo a Antonio, o meu contacto, e dime que chegará en breve, pois foi a facer a repartición de leite. E sigo ensimesmado, nostálxico, e só esperto cando un enorme mastín achégase a min. Sempre sentín moito respecto polos cans, e o enorme mastín empéñase en rozarse contra min. Afortunadamente só o seu tamaño impón, polo demais só quere carantoñas e atención. Paseo polas instalacións e observo, doume conta de que non cheira mal, hai moitísimo gando, pero as vacas e tenreiras están impecables, como os seus cortellos, limpísimos. Hai unha zona na que están pequenos tenreiros, e mesmo teño o privilexio de asistir a un parto incrible. Nisto chega unha furgoneta, e achégase Antonio López, sen dúbida a alma mater deste proxecto, e cun sorriso na boca, ofréceme a súa man cálida e firme, da confianza. Vai buscar a Puri, a súa esposa, e xuntos convídanme a coñecer o seu proxecto, cunha paixón e proximidade que me conmoven, e que agradezo, pois non sempre se ten a ocasión de coñecer a persoas así. Ensínanme a quesería e contáxianme ao instante o entusiasmo co que falan do seu negocio, do valor de emprender, soñar e traballar na súa terra, valores que parecen compartir cos seus fillos Angel e Lucía, quen participan no negocio familiar. Lucía está a terminar os seus estudos de Veterinaria en Madrid, pero non ve o momento de regresar e poñerse o mono de faena. E séguenme contando a súa historia, a súa idea, e obsérvolles mentres tomo notas. Empezaron aos poucos, pero sempre tratando de progresar, ata chegar a contar actualmente con preto de 270 cabezas de gando entre vacas e tenreiras, con capacidade para producir 5.000 litros de leite diarios. Cóntanme tamén que son socios da Cooperativa Lemos, e que venden o seu leite a Celega. Pero que sempre están a pensar en como mellorar e progresar, e de aí a idea de Lácteos Ribeira Sacra. Buscan conseguir un maior valor engadido ao leite producido, e relacionando esta idea co xeito acercarse co mundo do viño, ocorréuselles traballar na posibilidade de producir un queixo de vaca que macerase en tinto Mencía da Ribeira Sacra. Ninguén o facía ata ese momento. Esa idea xenial foi a base do proxecto con que foron premiados por Semente. Teñen a quesería funcionando, na que preparan ademais do Queixo macerado en viño, auténtica estrela do proxecto, outros queixos frescos, semicurados e curados, cuxa calidade é magnífica, como me invitaron a probar. Puri Sobrado considera que a clave está na propia calidade e natureza do leite, 100% producida na súa gandería. Puri explícame que o leite é especialmente boa pola alimentación que dan ao gando. Eles mesmos cultivan a forraxe e maiz con que alimentan ás súas vacas e tenreiras. Antonio faime ver, con todo, que sería necesario dedicar máis terreos a estes cultivos. E volve saír o tema do abandono da canle de regadío. E nestas, entran varios clientes á tenda que teñen aberta ao público para vender os seus queixos, entre eles, un moi singular, Francisco Prada, novo responsable de cociña do Parador de Monforte, que escoitou falar dos seus queixos, e quixese probalos, para incorporalos aos seus menús. Proba os queixos macerados en viño, e encántanlle. A quen non. Fixeron unha boa venda. Están satisfeitos, orgullosos do que fan, de que os seus fillos sigan o seu ronsel. E queren seguir crecendo. Non só por eles, é algo máis, tamén pola terra na que viven. Por arraigamento. E voume contento e contaxiado polo seu entusiasmo. Oxalá houbese máis coma eles. Necesitámolos. •