Renfe inicia a formación de profesionais para o centro de Ciberseguridade de Monforte

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, e o director xeral de LogiRAIL, Óscar Gómez Barbeiro, reuníronse en Monforte con 10 mozos aos que un equipo de formadores está xa capacitando para que poidan integrar o persoal do futuro novo centro en Galicia. Foto RENFE.

Renfe iniciou a formación dalgúns dos profesionais que se integrarán no persoal do novo Centro de Competencias Dixitais (CCD) de Monforte de Lemos especializado en Ciberseguridade. A compañía puxo en marcha convenios para colaborar con institutos locais, como o IES A Pinguela e o IES Francisco Daviña Rey, da localidade, entre outros.
O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, e o director xeral de LogiRAIL, Óscar Gómez Barbeiro, reuníronse hoxe en Monforte con 10 mozos aos que un equipo de formadores está xa
capacitando para que poidan integrar o persoal do futuro novo centro en Galicia.
Para a incorporación destes primeiros traballadores traballouse xuntamente co IES A Pinguela e o IES Francisco Daviña Rey, ambos de Monforte, achegando ambos unha porcentaxe dos perfís seleccionados. Tamén se estableceron contactos cos Campus das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, nas súas sedes de Ourense e Lugo, respectivamente, o CPI de Formación Profesional A Farixa, o IES Politécnico de Lugo ou o IES Monterroso, entre outros. Pioneiro en Europa, o futuro CCD en Galicia, no que Renfe investirá
preto de 1 millón de euros para a súa creación, terá como obxectivo detectar, analizar e corrixir incidentes de seguridade, utilizando as solucións tecnolóxicas máis avanzadas da industria.
Adicionalmente, este Centro de Operacións de Seguridade poderá constituír a base da creación e desenvolvemento dun Clúster Empresarial de Ciberseguridade aplicada ao sector ferroviario.
Renfe continúa coa selección de candidatos e comezou a elaborar convenios de colaboración con institucións locais. Trátase de fomentar o emprego cualificado, con especial atención ao
primeiro emprego novo e ao impulso do talento feminino, nun sector en continua expansión.

As tecnoloxías máis avanzadas da industria
Os alumnos recibirán formación en fundamentos básicos de Ciberseguridade e Administración orientada á seguridade de sistemas operativos e redes. Aprenderán conceptos necesarios sobre Seguridade, Gobernanza, Risco, Cumprimento e Resposta a incidentes. Serán adestrados ademais en conceptos de Computación na nube, baseados nos diferentes modelos estandarizados, aprendendo a achegar solucións de Ciberseguridade os seus principais servizos en remoto, incluíndo redes, computación e almacenamento. Os formadores deste curso, cunha duración de 126 horas, están certificados e teñen experiencia con resultados acreditados. O de Monforte de Lemos será un SOC ferroviario especializado en IT (Information Technology)+OT (Operational Technology)+IoT (Internet of things) e estará formado por un equipo altamente capacitado e certificado en ciberseguridade, de entre 35-40 profesionais (no período 2023-2025).

Transformación dixital e eficiencia tecnolóxica
Os Centros de Competencias Dixitais (CCD) de Renfe teñen como obxectivo impulsar a eficiencia tecnolóxica e acelerar a transformación dixital da compañía. Renfe conta con outros centros en Miranda de Ebro, Linares, Teruel, Alcázar de San Juan e Mérida. A creación destes centros supón unha oportunidade para fortalecer as capacidades internas de Renfe para a dixitalización, xa que se incorporan novos perfís profesionais á compañía para realizar actividades tecnolóxicas, que ata o de agora Renfe tiña subcontratadas a terceiros: servizos de mantemento e operación de robots, mantemento de aplicacións, xestión de infraestruturas tecnolóxicas, atención telefónica ao cliente e, agora, ciberseguridade.
Co de Monforte de Lemos, Renfe xerará máis de 400 novos empregos ata 2025 nos seus CCD. A súa creación forma parte do Plan de Deslocalización de Recursos do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, concibido como motor de medidas para mellorar a competitividade, o desenvolvemento de novas actividades económicas, o aproveitamento de recursos locais e o talento asociado á contorna.
Renfe investirá case un millón de euros en poñer en marcha este novo centro en Monforte, proxecto que se enmarca no Plan Estratéxico da compañía. Esta iniciativa inclúese, ademais, dentro da Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico para a deslocalización de actividades, para combater o despoboamento.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

KulturN’aldea organizara el próximo 25 de marzo el Bóveda Slam Poetry

Seguinte Nova

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra estrea novo equipo directivo

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: