Iníciase o procedemento para o desenvolvemento do polígono agroforestal de Bóveda

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o acordo da Consellería do Medio Rural polo que se inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dun polígono agroforestal de iniciativa pública que estará situado no concello lugués de Bóveda, concretamente na parroquia de Ver, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Constará de 51,97 hectáreas cunhas 292 parcelas de 200 propietarios, que se prevén destinar a gandaría e a cultivos forraxeiros/herbáceos.
Deste xeito, a Consellería do Medio Rural, en colaboración co Concello e tras abrir un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias do caso, resolveu a conveniencia de iniciar dito procedemento.

PRODUCIÓN EN TERRAS ABANDONADAS
O obxectivo prioritario será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal, así como mellorar a estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas.

VALORES AMBIENTAIS E PAISAXÍSTICOS
Tamén prevé o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas que os procesos de abandono están a deteriorar eses valores. Neste último caso, a finalidade da iniciativa será a de facer compatible o aproveitamento produtivo coa salvagarda dos seus valores, aínda que primando sempre estes últimos.
Cómpre sinalar que as causas polas que procede desenvolver este polígono de iniciativa pública é a existencia dunha situación produtiva cun estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal, polo que se lle dá carácter preferente para recuperar as terras acaídas en zonas de producións acollidas a indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe, así como para producións que estean a optar a ese recoñecemento ou calquera outra marca de garantía de calidade.
Un dos requisitos para desenvolver este proxecto era dispor de documentos de manifestación do acordo das persoas titulares do 50,16 % da superficie das terras incluídas no perímetro proposto, as cales indicaron a conformidade coa adhesión ao proxecto, o 21,75 % non se manifestaron nin a favor nin en contra, e o 28,09 % restante da superficie do polígono agroforestal corresponde a propietarios ilocalizables cos que non se puido contactar. O feito de que case un terzo da superficie do perímetro estea en mans de persoas ilocalizables xustifica a necesidade para a iniciar o procedemento de investigación da titularidade.

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL
O desenvolvemento do polígono agroforestal efectuarase mediante iniciativa pública a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para o que ha de dispor do acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70 % do total da superficie das parcelas do perímetro do polígono, de conformidade co artigo 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. De non se alcanzar esa porcentaxe mínima, resolverase o arquivamento do procedemento de aprobación do proxecto por incumprimento dos seus requisitos básicos.
Participan os montes veciñais en man común de «Chá, Serra das Dúas Pequenas, Lama de Grelos, Llanada da Serra, Serrón de Abaixo, Serrón de Arriba, Fon Puñín, Trasdaserra» e «Val de Agueiros, O Chao, Os Trollos, Monterredondo, A Silla, Camiño Branco, Rego do San Roque, O Navallo, Val de Rodela, O Belón, A Lagoa, O Amedo, Santia, O Louto e A Costa» no polígono agroforestal.

PROCEDEMENTO
O prazo para elaborar o estudo de viabilidade, que debe determinarse neste acordo de inicio ao abeiro do artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, é de 12 meses, prorrogables. Unha vez completado o estudo de viabilidade, de ser favorable, remitirase á persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a súa aprobación, consonte co previsto no artigo 84.4 da citada lei. Por tratarse dun procedemento iniciado de oficio pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o prazo máximo para a resolución do procedemento e para a notificación dos actos que lle poñan termo é de dous anos, Se transcorre o prazo sinalado sen que se teña ditado e notificado a resolución correspondente, o procedemento caducará, e acordarase o arquivamento das actuacións, de conformidade co artigo 25.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Benjamín Escontrela será o candidato do Partido Socialista á Alcaldía de Sarria

Seguinte Nova

Os mozos menores de 36 anos poiderán solicitar avais públicos para a compra da súa primeira vivenda

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: