Arrincan con forza as Rutas Fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra

• Esta Semana Santa, 2650 viaxeiros aproveitaron o bo tempo para navegar tanto pola ruta que discorre polo río Miño como polo río Sil

As embarcacións navegaron completas en case todas as viaxes, cun perfil de visitante nacional, sobre todo procedente de Asturias, País Vasco e Madrid. Foto GPDL.

Máis de 2.650 persoas fixeron esta Semana Santa as rutas fluviais que a Deputación de Lugo ofrece para descubrir a Ribeira Sacra. Dende o 1 de abril ata este domingo, día 9, os viaxeiros aproveitaron o bo tempo para navegar tanto pola ruta que discorre polo río Miño como polo río Sil.
Esta cifra supera a doutras temporadas nestes mesmos días festivos. O perfil predominante do visitante foi nacional, sobre todo procedente de Asturias, País Vasco e Madrid, sendo tamén relevante a afluencia de persoas doutros puntos da provincia de Lugo e do resto de Galicia. Outro dato importante é que para a maioría dos viaxeiros foi a primeira vez que vivía esta experiencia turística.
Unha das novidades foi a inclusión das rutas da Deputación en itinerarios programados por axencias de viaxes.
Os datos evidencian unha boa previsión para o resto deste mes, contando xa cun 70% de ocupación grazas ás reservas feitas. De cara á ponte do 1 de maio, xa quedan moi poucas prazas libres, o que demostra que cada vez máis as viaxes se planifican con máis antelación.
Para o conxunto da temporada, que se prolonga ata o mes de decembro, xa hai máis de 12.000 reservas.

RESERVAS, DATAS E HORARIOS
As persoas interesadas en realizar as rutas poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es
No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionan dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo conta cunha capacidade total de 63 viaxeiros. Neste mes de abril, os catamaráns navegan de mércores a domingo pola ruta Canon do Sil, e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana. Igual que durante o mes de maio, no que tamén haberá servizo en ambas rutas o primeiro luns do mes, pola festividade do Traballo, e o día 17, con motivo das Letras Galegas.
No Canón do Sil, en xuño, xullo, agosto e setembro, haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana. Tamén haberá servizo en horario de mañá e de tarde o mércores 1 de novembro, coincidindo co día de Todos os Santos.
No caso da viaxe que parte de Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 1 de novembro.
As rutas rematarán a tempada a final de ano, con viaxes todos os días do 2 ao 10 de decembro.•

José Tomé Roca foi e encargado de inaugurar a tempada de Rutas Fluviais

O Presidente da Deputación e Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi o encargado de recibir no embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, aos pasaxeiros que realizaron o 1 de abril a primeira viaxe deste ano 2023 das rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra. No acto estivo acompañando pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, a Alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, e Manuel Feijoo, Concelleiro da Teixeira, que celebraron cos presentes a inauguración dunha nova tempada que arranca con mais de 20.000 reservas ata o mes de decembro.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O vicesecretario de Organización do PP Miguel Tellado mantivo unha xuntanza de traballo en Samos con candidatos da comarca de Sarria

Seguinte Nova

Ana Pontón, portavoz nacional, asistiu á presentación de Emilio Sánchez como candidato do BNG á Alcaldía de Monforte

Últimas noticias sobre TURISMO

A %d blogueros les gusta esto: