
Fai poco máis dun mes conmmemorouse o 186 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, no que se deu en chamar o Día de Rosalía, a nosa poetisa por excelencia, e aínda que é moito o que sabemos dela, hai algúns aspectos da súa biografía que non son moi coñecidos. Por exemplo, que Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, poetas fundamentais do Rexurdimento,a mediados do século XIX, formaron o Dúo Vaguedades, que acadou grande éxito nas festas, foliadas e romarías do país e que está considerada a primeira banda techno da historia. Asemade, na obra deste dúo tamén teñen cabida outros ritmos, e podemos distinguir doadamente aires latinos, melodías pop e fusións con rap, hip hop, trap e mesmo reggaetón. Até hoxe, non existían rexistros desta actividade paralela de Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, mais o achado dunhas gravacións inéditas no soto do Museo do Pobo Galego sacan por fin á luzeste fito imprescindible da nosa cultura. Isto é, polo menos, o que nos contan Isabel Risco e Fran Rei no espectáculo teatral musical que se representará o domingo 30 de abril ás 17 horas na Casa de Cultura Olga Novo de A Pobra do Brollón. Ademais de teatro haberá divertidas cancións, unha sorte de compendio sobre a galeguidade, con aloucados diálogos cómicos sobre a retranca, a universalidade da nosa lingua, como ligar en galego ou, mesmo, a importancia dos ferrados e os marcos.
O Dúo Vaguedades é humor e música para reivindicármonos.