Sarria remata a liquidación do exercicio 2022 cun remanente de 4,9 millóns de euros para gastos xerais

Claudio Garrido asegura que a liquidación de 2022 desminte “dúas das grandes mentiras da oposición”: que o goberno estaba a dilapidar os aforros do concello e que os cobros do IBI de 2016 a 2019 foran ingresados nas contas municipais. Foto GPCS.

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, vén de confirmar que a liquidación do exercicio de 2022, que foi aprobada “dentro do prazo establecido” e cun informe de Intervención “favorable”, cifra os remanentes de tesoureiría do concello para gastos xerais en 4,9 millóns de euros e os do organismo autónomo da Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme en 320.000 euros.
Garrido asegura que estes remanentes “desminten dúas das grandes mentiras empregadas pola oposición nos últimos meses” para cuestionar a xestión do goberno local”: por unha banda, a existencia de 4,9 millóns de euros de remantentes “invalida as afirmacións do PP e do PSOE de que o goberno de Camiña Sarria estaba a dilapidar os aforros do Concello de Sarria” e, por outro lado, “o feito de que a liquidación do exercicio de 2022 sexa semellante ás de anos anteriores demostra que os cartos da liquidación do IBI de 2016 a 2019 non foran ingresados nas contas municipais”.
“A liquidación deixa en evidencia que o PP e o PSOE cando repetían a pregunta de onde estaban os cartos do IBI tentaban enganar e manipular á veciñanza, facéndolles entender que ese diñeiro estaba a ser utilizado e gastado polo goberno local, cando nunca chegou a ser ingresado nas contas do concello”, explicou.
Respecto dos remantentes de 4,9 millóns de euros para gastos xerais, Claudio Garrido anticipou que o vindeiro martes convocará unha reunión da mesa de negociación do persoal para propoñerlles realizar unha modificación de crédito coa finalidade de destinar 1,4 millóns de euros á aprobación do plantel municipal e da residencia, á aplicación retroactiva da RPT do concello desde o 1 de xaneiro e á actualización salarial do 2,5% para o exercicio de 2023 establecida por lei.
De haber consenso, a pretensión do rexedor local é convocar un pleno extraordinario para aprobar estes acordos, que non puideron formalizarse con anterioridade ao impedir a oposición a aprobación dos orzamentos municipais para 2023.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte renova os votos coa Virxe de Montserrat o Martes de Pascua

Seguinte Nova

Un ano máis, e van corenta e tres, a Feira do Viño de Amandi supérase a se mesma

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: