
No pleno extraordinario celebrado a pasada semana no salón de plenos do Concello da Pobra de Trives, aprobouse por unanimidade a modificación de estatutos do Consorcio de Turismo pola que se incoporan os Concellos da Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, O Pereiro de Aguiar e San Xoán de Río.
Equipárase así a delimitación territorial da entidade co novo mapa de xeodestino aprobado por Turismo de Galicia o pasado ano e incorpóranse os Concellos integrados no BIC Paisaxe Cultural Ribeira Sacra.
Trala votación do Consello Reitor, tomaron a palabra a alcaldesa e os alcaldes dos concellos incorporados. Todos eles fixeron fincapé no agradecemento pola acollida nun xeodestino referente en Galicia que leva anos de traxectoria, con plena disposición a traballar e a poñer os recursos dispoñibles ao servizo do Consorcio. A palabra «sumar» foi o máis reiterado das súas intervencións.
Foi unha sesión moi emotiva, especialmente para os recén incorporados. A alcaldesa da Pobra de Trives, como anfitroa, convidou á artista María do Ceo que deleitou aos asistentes co himno a Ribeira Sacra.•