Por Gonzalo L. Torres
O Club Lemos cumpre o seu centenario, e o certo é que os anos están pasando factura á histórica entidade. O histórico club, que nos últimos tempos padeceu as preferentes e as primeiras autonómicas, segue a ser aínda hoxe un dos clubs que conforman os primeiros postos da histórica clasificación de Terceira División na que xogou 51 tempadas, o cuarto de Galicia en puntos, pero o segundo en tempadas, só por detrás do Arousa que ten 52, unha máis. Ocupa o posto 17º a nivel nacional. Para os que xa chegamos aos cincuenta, e que tamén fomos sempre afeccionados e integrantes do Club Lemos, este centenario non foi nada festivo para nós, co equipo rozando os postos de descenso, unha afección que cada tempada vai minguando. e unha economía baixo mínimos. Hoxe, soñar con regresar a Terceira é unha entelequia. E aquela Terceira que coñecía noutros tempos o Club Lemos, era como a Primeira Federación de hoxe. Vin no vello Luís Bodegas equipos como o Deportivo da Coruña, o Sestao, Baracaldo, Avilés, Bilbao Athletic, Rayo Vallecano con Di Stefano de adestrador, lembro a rivalidade coa Ponferradina, CD Lugo, CD Ourense, Pontevedra ou Cultural Leonesa. Eu estaba na preferencia cando se produciu a agresión a García de Loza, lembro tamén a Miguel e Miudo, Cucala, Domínguez, Pardo, Ochoa, Stroni e Fraga, o coruñés, tan bo como conflitivo. Lembro os campionatos competitivos do 88 e 89 nos que o equipo quedou terceiro e quinto, só por detrás do Racing de Ferrol e Cambados, e por diante do Compostela, que logo ascendería a Primeira en poucos anos. Por aquel entón, o Luis Bodegas chegaba a rexistrar entradas de dous mil espectadores, coa tribuna, preferencia e xeral cheas de público. E tamén estiven nas Rozas, na última etapa gloriosa do Club, con aquel equipo dirixido por Francis, e que nos fixo soñar co ascenso a Segunda B. Pero o tempo pasou, e agora todo son lembranzas que recupo ao escribir este artigo. Por iso este centenario do Club Lemos dáme tristeza e morriña, polo tempo pasado, polos días de gloria perdidos, e pola pouca esperanza de que se poidan repetir.
A ver se polo menos mantemos a categoría.•