O músico Miguel Franqueiro (Boqueixón, 1983), tuba e director da Banda de Música de Sober, participará nas vindeiras semanas coa Filarmónica da Scala de Milán nunha xira que o levará a algúns dos mellores teatros de Europa. Ademais de facer temporada no Teatro Alla Scala de Milán desde o mes de decembro, o músico percorrerá diferentes auditorios e teatros de Europa coa Filarmónica da Scala de Milán. En concreto; o teatro de Brucknerhaus, en Linz; Bartók Béla National Concert Hall, en Budapest; e Konzerthaus, (onde se celebra o concerto de aninovo) en Viena.
Numerosas funcións como tuba solista
Miguel Franqueiro está a facer temporada coa orquestra do teatro da Scala de Milán desde finais do ano 2022, participando en diferentes espectáculos musicais.
Durante o mes de decembro participou como tuba solista en máis de 15 funcións interpretando a obra de Chaikovski ‘El Casnanueces’ xunto co ballet da Scala de Milán e o coro infantil.
No mes de xaneiro interpretou a gran ópera de Giuseppe Verdi ‘I vespri siciliani’.
A maiores da tuba, o seu instrumento principal, Miguel Franqueiro estreouse na orquestra co cimbasso, un instrumento de metal baixo que se desenvolveu a partir da serpe erguida ao longo do século XIX nas orquestras de ópera italianas, para cubrir o mesmo rango que unha tuba ou un trombón contrabaixo.
Traxectoria
Ademais de tocar coa orquestra da Scala de Milán, Miguel Franqueiro traballou con outras recoñecidas Orquestras como a do Liceu de Barcelona, a Orquestra Nacional de España, a do Teatro Regio de Torino, HSCO Bruselas, etc…
Colabora frecuentemente coa Orquestra de RTVE de Madrid, coa Real Filharmonía de Galicia e a Sinfónica de Galicia, entre outras formacións orquestrais.
É ademais o director da Banda de Música de Sober e é mestre na escola de música do municipio, así como mestre en diferentes escolas de música de Galicia.•