Talento feminino no día internacional das rapazas nas TIC

As mulleres actualmente representan o 34 % das persoas matriculadas en titulacións tecnolóxicas, a pesar de ser máis do 55% do total do alumnado das universidades.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia celebrou o 27 de abril, o Día Internacional das rapazas nas TIC cunha xornada no centro GaiásTech da Cidade da Cultura e na Rede CeMIT, dirixida ao alumnado de entre 8 e 14 anos. As actividades programadas nesta xornada tiveron como obxectivo fomentar o interese no sector tecnolóxico entre as persoas máis novas. A xornada comezou coa actividade interactiva “Coñece a importancia da muller nas TIC”, na que se realizou un breve percorrido histórico sobre a relevancia da muller neste ámbito. Houbo tamén unha charla da xornalista e presentadora Esther Estévez do programa da CRTVG “Dígocho Eu”. A sesión rematou cun taller de robótica no que os rapaces e rapazas programaron e puxeron en funcionamento un vehículo para experimentar de primeira man a aplicación práctica da robótica e a programación.

Mulleres nas carreiras STEM e no sector das TIC
Coa iniciativa do “Día das rapazas nas TIC” perséguese impulsar e fomentar as vocacións STEM entre as rapazas, co fin de aumentar a presenza da muller no sector tecnolóxico.
Os datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), indican que, a pesar que as mulleres representan máis do 55% do total do alumnado nas universidades galegas, no ámbito dos graos universitarios STEM, a porcentaxe de mulleres matriculadas representan o 34%. No caso das ciencias, as mulleres son maioría, pero a porcentaxe nas enxeñarías e tecnolóxicas descende ata o 26%. Na informática e comunicacións son o 13,8% e no resto de enxeñarías, o 28,5%.
A inserción laboral e lixeiramente superior no caso das mulleres. Segundo un estudo da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a porcentaxe de inserción de persoas tituladas en carreiras STEM sitúase no 86,6% no caso dos homes e no 87,3% entre as mulleres. A fenda de xénero nas retribucións do conxunto de persoas con titulación STEM, é case nula.
No eido do Hipersector TIC, segundo datos do OSIMGA, a porcentaxe de mulleres empregadas sobre o total do persoal foi en 2022 do 32,9%, o que supón un total de 8.983 mulleres empregadas, cun crecemento do 5,5% respecto ao ano 2021.
Das persoas que realizan tarefas tecnolóxicas no sector TIC, o 21,3% son mulleres. A fenda de xénero é máis evidente no caso dos ciclos formativos: un 29,3% do persoal técnico son homes con formación profesional (FP2 ou FP1) fronte ao 5,7% de mulleres.
Os resultados detallados pódense consultar na web www.osimga.gal

Vocacións e talento feminino para liderar o cambio tecnolóxico
As actividades do Día Internacional das Rapazas nas TIC forman parte do Plan para o Impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, e contribúe aos obxectivos de estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías, así como, fomentar o atractivo vocacional de profesións científico tecnolóxicas desde idades temperás e promover a redución da fenda de xénero para contribuír ao aumento da taxa de mulleres en carreiras técnicas. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Licitadas as obras para construír o Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón

Seguinte Nova

O Club Lemos cumpre cen anos

Últimas noticias sobre NOVAS TECNOLOXÍAS

Ir aInicio

Don't Miss