Os socialistas do Saviñao presentaron este domingo a candidatura coa concorren ás vindeiras eleccións municipais, que encabeza novamente o Voceiro municipal do PSdeG, Celeste Rodríguez Pombo. “Temos que conseguir entre todos e todas que O Saviñao rexurda do estancamento que padece dende fai 30 anos, para que volva ó seu esplendor social e económico, e situalo como un referente na nosa comarca”, subliñou o candidato. Celeste Rodríguez Pombo dixo sentirse moi orgullo da candidatura que o acompaña nesta cita electoral: “Son 16 persoas, veciñas e veciños do Saviñao, preparados, con experiencia e dispostos a traballar polo futuro da nosa vila e das nosas parroquias”. Ademais, fixou como unha prioridade dentro do seu programa electoral a creación de emprego: “Remexeremos cada recuncho en busca de investimentos empresariais para O Saviñao coa finalidade de fornecer a oferta de emprego. Estaremos do lado dos nosos gandeiros, gandeiras e viticultores. Protexeremos e impulsaremos o noso comercio local e tentaremos dinamizar proxectos ligados ao turismo, á paisaxe e aos produtos locais. Unha oferta para traballar, servir e vivir no noso concello”.•