Os socialistas de Sober celebraron, no local social de Rosende, o acto de presentación da candidatura ás eleccións municipais, liderada por Eladio Fernández.
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, participou nesta presentación, xunto á Deputada no Congreso Ana Prieto e o Senador César Mogo, entre outros responsables orgánicos do partido, ademais de militantes e simpatizantes do partido, e veciños e veciñas da localidade e da comarca da Ribeira Sacra.
José Tomé subliñou que a candidatura socialista “é a mellor para Sober, a necesaria para darlle un impulso e sacalo do letargo permanente ó que o ten sometido o actual Alcalde”.
A lista do PSdeG, “un grupo unido, con ilusión, compromiso, no que se mestura xente nova e a veteranía, e, o máis importante, con moitas ganas de traballar por Sober”, asegurou o líder provincial dos socialistas, “ten a capacidade para sacar adiante “políticas útiles para os veciños, escoitando a todos e todas, para crear e mellorar o servizos públicos, e promover iniciativas que favorezan a xeración de riqueza e de emprego”.
Pola súa banda, o candidato socialista asegurou que se presenta ás eleccións municipais “para facer de Sober un lugar aberto, onde todas e todos os veciños poidan ser partícipes das decisións que se toman no Concello, implicando a tódolos colectivos e a tódalas parroquias con equidade”.
Avanzou que unha das primeira medidas que impulsará será aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal. No eido turístico, destacou tamén que quere impulsar nos Muíños do Xabrega, ao carón do pantalán dos Chancís, novos recursos como a creación dunha senda peonil. “Queremos poñer en valor todo este entorno natural e, por suposto, poñer a funcionar os muíños e que non estean abandonados, xa que, despois de rehabilitalos, hai que continuar cun plan de mantemento e conservación”, dixo.
Eladio Fernández explicou que inclúe un grupo persoas, tamén mozas, de nova incorporación na lista do PSdeG, “que están desexando participar na vida política municipal con moitas propostas, para construír un Sober con perspectivas de futuro, onde poidamos vivir e traballar, e no que ademais non perdamos nin un só recurso e sumemos novos proxectos”.•