Populares e socialistas veñen de presentar as súas candidaturas ás eleccións municipais no concello de Bóveda. O candidato do PP, José Manuel Arias, que aspira a repetir na alcaldía, di que no seu equipo están “os que mellor coñecen o territorio e tamén os problemas a resolver”. Considera que o conta cun “equipo firme”, integrado por veteranos eficaces na xestión local, que “son os que mellor coñecen todo o territorio e tamén os problemas a resolver que hai en Bóveda”, e tamén con“caras novas, mozos e mozas”, que aportan ideas e que servirán aos seus veciños ao lado dos veteranos. Este equipo, según Arias, ten obxectivos moi claros, entre os que figura o impulso da creación de máis solo industrial e doutras medidas que sigan favorecendo a creación de emprego no municipio e tamén atraendo aínda máis empresas. O próximo mandato, sinala o alcalde e aspirante a repetir no cargo, ten que ser “o de potenciar ao sector agrogandeiro”.
Pola súa banda, os socialistas de Bóveda presentaron a pasada semana no Restaurante Vilaboa, a candidatura coa que concorren ás vindeiras eleccións municipais, e que encabeza a actual Voceira do PSdeG na Corporación municipal, Carmen Macía Rodríguez, quen subliñou que se presenta ás eleccións “con moitas ganas de darlle un novo pulo ó concello, e cun equipo de xente comprometida e responsable, que entenden que só traballando xuntos poderemos acadar grandes logros e compromisos para o conxunto da veciñanza”. A candidata incidiu en que coñece “de primeira man as carencias e necesidades que temos en Bóveda. Un bo exemplo é a falta dun centro de día público que atenda ás persoas maiores, que cada día se teñen que trasladar a outros concellos para poder acceder a este servizo que é vital. Nós queremos que se constrúa unha nova dotación asistencial para os nosos maiores, e non como fai o PP, que se conforma con anuncios mediáticos de empresas privadas”, expuxo. Outras das medidas que impulsará a candidata do PSdeG en Bóveda, e que están recollidas no seu programa electoral, son a creación dun centro social.•