BNG, PP e PSdeG presentan as súas alternativas ao goberno de Claudio Garrido en Sarria

As eleccións municipais en Sarria preséntanse como unha das máis rifadas en todo o sur de Lugo. Claudio Garrido, alcalde actual, repite como cabeza de lista por Camiña Sarria, do mesmo xeito que Efrén Castro polo BNG, mentres populares e socialistas apostaron por presentar novos candidatos.

CAMIÑA SARRIA
Como sinala Claudio Garrido, o seu candidato, a formación Camiña Sarria, presenta unha “importante renovación e reorganización” entre os nove primeiros postos da candidatura co obxectivo de “loitar pola maioría absoluta que nos permita gobernar durante os próximos catro anos coa estabilidade e coa autonomía que faltaron neste mandato”. O candidato estará acompañado na lista pola concelleira de Cultura, Reyes Abella (nº 2), o concelleiro de Deportes, Félix Seijas (nº 3), e a concelleira de Festas, María Eugenia Valcárcel (nº 4). A partir de aquí comezan as novidades coa incorporación de “caras novas” e a reubicación de compañeiros/as que xa figuraban na lista en 2019. O cinco ocúpao unha das novas fichaxes, César No Cortiñas, de 31 anos, que traballa como director de Marketing da empresa Galimplant. No número seis entra Borja García López, de 44 anos, informático. Tras Borja, situánse Ana Isabel Vergara López, de 46 anos, teleoperadora e Martín López Vázquez, de 64 anos de idade, xubilado. Claudio Garrido destacou que as incorporacións son “persoas solventes profesionalmente, que teñen os seus traballos e que non se meten en política por necesidade nin para vivir da política, senón para axudar a modernizar e transformar Sarria”.

PARTIDO POPULAR
O PP presenta unha candidatura encabezada por Carmen José López para recuperar Sarria apostando polo rural. É un equipo con novas incorporacións pero que suma tamén a experiencia de concelleiros da actual corporación e a reincorporación, nos primeiros postos, de dous concelleiros que xa estiveran en lexislaturas anteriores, Ricardo Arias Alvaredo e Marcos López Sánchez. Ademais da propia cabeza de lista, que se estrea en política despois de acumular experiencia na representación e xestión no ámbito do asociacionismo, cinco dos dez primeiros postos na candidatura son ocupados por persoas que non concurriron antes en ningunha lista electoral.
A veteranía atópase tamén presente na candidatura coa implicación, nos postos 15 e 17, de dous exconcelleiros: Manuel Valiña López e Fernando Carlos Rodríguez Pérez, este último actual presidente do Partido Popular de Sarria.
“Representamos un proxecto ilusionante para sacar a Sarria da parálise e o estancamento apostando por unha etapa afastada do clima de crispación que caracterizou a política sarriá durante as últimas lexislaturas, nas que o PSOE e Camiña Sarria se deberon máis aos egos dos seus representantes que ao interese da vila e da súa cidadanía”, sinala Carmen José López.

PARTIDO SOCIALISTA
Os socialistas de Sarria celebraron no hotel Alfonso IX o acto de presentación da candidatura ás eleccións municipais, liderada por Benjamín Escontrela Díaz. O candidato socialista asegurou que “fronte ao ruído e ao insulto, o PSdeG aposta pola política útil. Sempre demostramos compromiso e seriedade ó escoitar e valorar as demandas das veciñas e veciños. E agora, xunto con todo o equipo que me acompaña, afrontamos este novo reto con enerxía, con ilusión e con moitas ganas de traballar por Sarria desde a Alcaldía, coa única prioridade de mellorar a vida de todos os sarriaos, especialmente a dos máis vulnerables”. Avanzou ademais que a candidatura socialista traballará dende “o compromiso, a seriedade, a transparencia, en pé de igualdade e, por suposto, con responsabilidade e rigor”.

BNG
O BNG presentou as persoas que forman a súa candidatura nun acto celebrado na praza de Santa Mariña, con intervencións do candidato á alcaldía Efrén Castro, quen comezou suliñando os valores “dunha lista de mulleres e homes aos que nos une o noso amor por Sarria. Somos o mellor equipo e temos o mellor proxecto para a nosa vila por iso estou seguro que imos acadar a alcaldía”, e contrapuxo esa fortaleza ás outras candidaturas. “Hai algunhas que nin sequera se poden tomar en serio e outros están movidas por odios persoais ou liortas internas. Non están propoñendo unproxecto para Sarria”. Efrén Castro analizou a situación actual, “cun goberno municipal inmerso nunha especie de apatía e carente dun proxecto para Sarria”. “Non hai máis que pasear polas rúas ou zonas verdes do pobo para ver como están sucias descoidadas ou con falla de reparación de mobiliario urbano, por eso cando cheguemos a alcaldía impulsaremos nos 60 primeiros días un programa de restauración limpeza e coidado dos espazos verdes e urbanos por merecemos sentirnos orgullosos do noso concello”.
“Quédanos unha campaña de moito traballo para chegar a toda a veciñanza o noso proxecto transformador.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Unhas eleccións municipais en Quiroga máis abertas, logo de que Julio Álvarez non se presente aos comicios

Seguinte Nova

Aberto o prazo para solicitar as axudas a asociacións culturais

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: