Está xa aberto o prazo de solicitude das axudas para asociacións culturais convocadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que incrementou ata os 380.000 euros -un 90 por cento – o orzamento destinado a estas liñas de apoio ao tecido cultural de base.
Convócanse dúas liñas de axuda: unha para a realización de actividades culturais, e outra para investimentos en melloras nas instalacións e no equipamentos dos locais sociais.
A vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que “este ano ampliamos nun 90 por cento o orzamento destinado a estas liñas de axudas, reforzando o apoio ás asociacións culturais de base, que son súa maioría colectivos pequenos que se sosteñen grazas á implicación desinteresada de persoas preocupadas pola cultura, pola lingua e o patrimonio e que cumpren un papel fundamental para garantír o acceso á actividade cultural en todo o territorio”,
A responsable provincial destacou “ estes colectivos son en moitas aldeas e parroquias rurais auténticos referentes da actividade cultural, programando actividades pero tamén impulsando estudos, investigacións e iniciativas de posta en valor do patrimonio local”
Realización de actividades culturais
A través desta liña, a área de Cultura promove a organización de actividades e eventos culturais por parte das asociacións e colectivos culturais, especialmente aquelas orientadas á difusión do patrimonio material e inmaterial de Galiza, a historia, música e tradicións, contribuíndo a ampliar a axenda cultural de parroquias e concellos. As axudas oscilan entre os 500 e os 3.000 euros.
Melloras nos locais sociais
A área de Cultura financia, a través desta liña, actuacións de mellora, acondicionamente e reforma de locais e instalacións culturais que os colectivos cultivos culturais teñan en propiedade, cedidas ou alugadas. Tamén se subvenciona a compra de equipamento, a fin que as asociacións conten cos medios adecuados para as súas actividades culturais. As axudas oscilan entre os 500 e os 2.000 euros.
As entidades culturais poden solicitar as achegas desde mañá martes ata o martes 23 de maio.
Solicitudes
As bases e modelos de solicitude, publicados este luns no Boletín Oficial da Provincia, están dispoñibles tamén na web cultura.deputacionlugo.gal, no apartado Progamas e subvencións, con indicacións precisas sobre o procedemento de solicitudes. Para calquera dúbida, póñense a disposición das entidades solicitantes os teléfonos seguintes: 982- 260260 / 982- 260 058.•