Trens turísticos de Galicia

• Unha oportunidade diferente para esquecer o coche e coñecer este senlleiro territorio

Turismo de Galicia propón unha engaiolante viaxe nos trens turísticos. En cada unha das 14 rutas poderás descubrir distintos recunchos do país, achegarte ao punto máis setentrional da Península Ibérica, deixarte sorprender pola paisaxe da viticultura heroica ou pasear por xardíns de pazos con camelias en flor. Gozarás da nosa gastronomía en adegas e queixerías e mesmo plantacións de té. Viaxarás ao pasado achegándote a castros, vilas medievais, mosteiros e castelos.

PREZOS E CALENDARIO
As excursións son dun día e teñen un prezo de 45 euros para os adultos, e de 20 para menores de 13 anos. Os grupos de 10 ou máis adultos terán un desconto do 15%. Os billetes pódense adquirir nas estacións, na web www.renfe.es, chamando ao 912 320 320 ou nas axencias de viaxe concertadas.

  1. RUTA DOS FAROS: Visitarás Estaca de Bares, o punto máis setentrional da Península Ibérica, e outros lugares senlleiros do litoral norte, como o cabo Ortegal ou os cantís de Vixía Herbeira, dos máis altos de Europa, así como o santuario de Santo André de Teixido. Percorrerás a pé as rúas do centro histórico de Viveiro, e achegaraste aos famosos cantís de Loiba. Saídas dende A Coruña: 10 de xuño, 8 e 22 de xullo, 5 de agosto, 2 e 16 de setembro.
  2. RUTA DOS PAZOS E XARDÍNS HISTÓRICOS DE GALICIA: Descubrirás lugares cheos de historia que son xoias botánicas. A xornada comezará no Pazo Quinteiro da Cruz e o seu xardín deseñado a finais do século XIX, e no que poderás degustar té de elaboración propia. De seguido, achegaraste a Soutomaior e o seu castelo. Logo do xantar, en Vilagarcía de Arousa percorrerás o xardín do Pazo de Rubiáns. Saídas dende A Coruña: 22 de xullo e 9 de setembro.
  3. RUTA DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA – RÍO SIL: A través da maxia da arte e a paisaxe, percorrerás viñedos a bordo do tren motorizado Aba Sacra, saborearás os viños na adega Regina Viarum, e desfrutarás do miradoiro sobre o Sil. En Monforte achegaraste á viticultura heroica e, despois do xantar, embarcarás nun catamarán polo Sil. Rematarás a xornada no mosteiro de San Pedro de Rocas, un dos máis antigos de Galicia, escavado na montaña. Saídas dende Santiago e Vigo: 19 de agosto, 2 e 23 de setembro e 14 de outubro.
  4. RUTA DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA – RÍO MIÑO: Outra Ribeira Sacra, menos coñecida pero igual de abraiante. Pola mañá visitarás o mosteiro das Bernardas e o Ecomuseo de Arxeriz. Pola tarde gozarás das ladeiras e viñedos que enmarcan o Miño no denominado “Cabo do Mundo” a bordo dun catamarán. Finalmente, degustarás os viños na adega Vía Romana. Saídas dende Santiago e Vigo: 26 de agosto, 16 de setembro e 7 de outubro.
  5. RUTA DOS VIÑOS DA RIBEIRA SACRA E DE VALDEORRAS: Aproximaraste ao territorio das Denominacións de Orixe Ribeira Sacra e Valdeorras. Embarcarás nun catamarán para gozar do espectacular canón do Sil. Xa na comarca de Valdeorras degustarás os viños na adega A Coroa, e achegaraste ata o santuario das Ermidas, no estreito val do Bibei. Por último, coñecerás Os Peares e o seu museo ferroviario. Saídas dende Santiago e Vigo: 12 de agosto e 9 de setembro.
  6. RUTA DO VIÑO RÍAS BAIXAS: Cara ao corazón da comarca do Salnés, dende o tren gozarás da paisaxe da ría de Arousa, para logo visitar a adega do Pazo Baión, a vila de Cambados e o conxunto monumental de Fefiñáns. Pola tarde, un paseo en barco pola ría de Vigo ata a fermosa illa de San Simón. Saídas dende A Coruña: 17 de xuño, 12 de agosto e 23 de setembro.
  7. RUTA DOS VIÑOS DO RIBEIRO – RÍAS BAIXAS: Co río Miño como eixe, visitarás a adega Señorío de Rubiós, con degustación de viños do Condado. A viaxe continuará en Ribadavia, no Museo do Viño de Galicia, na Reitoral de Santo André de Camporredondo. Despois, retrocederás máis de 20 séculos no castro de San Cibrao de Las, para rematar coa visita á estación de Santa Cruz de Arrabaldo, convertida en museo. Saídas dende Santiago e Vigo: 29 de xullo.
  8. RUTA DO VIÑO DE MONTERREI: Na Denominación de Orixe Monterrei degustarás os seus viños no monumento máis senlleiro da comarca, o castelo de Monterrei, e na adega Gargalo, situada ao seu pé. Despois de visitar Verín e o seu centro histórico, gozarás dun agradable paseo polas estreitas rúas de Allariz e o seu Festival Internacional de Xardíns, á beira do Arnoia. Por último, achegaraste á estación de Baños de Molgas, reconvertida en museo e restaurante. Saídas dende Santiago e Vigo: 8 de xullo e 5 de agosto.
  9. RUTA DA LAMPREA: Dende Pontevedra achegaraste ata Salvaterra de Miño e o Museo da Ciencia do Viño, situado no castelo. Logo, darás un paseo polo centro histórico e a catedral-fortaleza de Tui. Pola tarde, coñecerás as pesqueiras de Arbo, senlleiras construcións centenarias para capturar a lamprea no Miño, e o centro de interpretación do viño e a lamprea “Arabo”, para rematar na Cooperativa Condado-Paradanta (As Neves), con degustación de requeixo, mel e viños da D.O. Rías Baixas.
    Saídas dende Santiago e Vigo: 19 de agosto.
  10. RUTA DOS MOSTEIROS: Adentraraste no corazón de Galicia, visitando o chamado “Versalles galego”, o Pazo de Oca, onde gozarás dun paseo polos seus espectaculares xardíns. A continuación, arte e natureza fundiranse no mosteiro de Carboeiro. No Carballiño, visitarás o templo da Vera Cruz, para rematar no mosteiro cisterciense de Oseira. Saídas dende A Coruña e Vigo: 3 de xuño e 15 de xullo.
  11. RUTA DOS QUEIXOS DE GALICIA: Percorrerás tres das catro Denominacións de Orixe dos queixos de Galicia. En Sobrado dos Monxes, coñecerás a Casa do Queixo, con degustación do queixo de Tetilla e Arzúa-Ullo, e a queixería Don Crisanto, en Vilalba, co queixo San Simón da Costa. Tras xantar en Lugo, descubrirás o proxecto de ecoagroturismo de Arqueixal, en Albá-Palas de Rei, co queixo Arzúa-Ulloa como produto estrela. Saídas dende Santiago: 24 de xuño e 30 de setembro.
  12. RUTA DAS MARIÑAS: O tren levaranos dende A Coruña ata Ferrol polas Mariñas e Terras do Mandeo, Reserva da Biosfera. En Betanzos, visitarás as instalacións de Orballo en Paderne, que conta coa única plantación de té da Europa continental. Xa en Pontedeume, coñecerás a súa torre e ponte medievais, símbolos da vila. A xornada rematará en Ferrol, cun paseo en barco pola ría e outro a pé polo barrio da Madalena, do período da Ilustración. Saídas dende Santiago: 1 de xullo e 26 de agosto.
  13. RUTA DA CAMELIA EN FLOR: Coa camelia como protagonista, visitarás o Pazo Quinteiro da Cruz, un verxel no corazón do Salnés, no que florecen máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades, entre elas a sinensis. A visita inclúe degustación do té propio, feito a partir desta variedade. Logo, visitarás o castelo de Soutomaior e o seu xardín de camelias con nomes de muller: Rosalía de Castro, María Casares ou A Bella Otero. Finalmente, coñecerás o pazo de Rubiáns, cun xardín que data do século XVII. Conta con máis de 800 variedades de camelias e unha finca de albariño, viño que degustarás ao rematar a visita.
  14. RUTA EXPERIENCIA MEGA E A CORUÑA DE 1906. Farás unha viaxe no tempo para coñecer A Coruña de 1906, da man dun guía moi especial. Ese ano, nacía unha das empresas máis recoñecidas do país: Estrella Galicia. Na xornada, coñecerás o museo MEGA, con degustación de cervexa e produtos galegos. Pola tarde, en Abegondo coñecerás dous elementos básicos para elaborar este produto: as augas do encoro de Cecebre e o lúpulo, cultivo recuperado nesta comarca.•

    Deixa unha resposta

    Your email address will not be published.

    Nova Anterior

    Ruralyouthfuture contribuirá á creación de emprego xuvenil de calidade no rural

    Seguinte Nova

    O Ucoga CB Chantada non foi quen de competir polo ascenso en Huelva

    Últimas noticias sobre TURISMO

    A %d blogueros les gusta esto: