Os socialistas perden un concelleiro, o PP mantense con catro, o BNG sube a dous e Esperta Monforte terá un representante no concello
José Tomé Roca conservará unha folgada maioría absoluta no concello de Monforte, a pesar de perder un concelleiro e 400 votos respecto a as pasadas eleccións municipais. A baixada en votos dos socialistas monfortinos hai que matizala, pois realmente tamén baixou o número de votantes, de forma que porcentualmente, o descenso apenas é significativo. En 2019 os socialistas conseguiron o 55,60% dos votos e agora o 54,72%. Moi pouco foi o desgaste que sufriu pola súa acción de goberno. Non é menos certo, que o poder político adquirido polo alcalde monfortino nestes catro anos, liderando aos socialistas da provincia e exercendo como Presidente da Deputación, outorgoulle unha alta valoración entre o electorado monfortino, por outra banda, tradicionalmente conservador no referente á reelección dos seus alcaldes. Todo o mundo daba por feito esta vitoria socialista, así o estimaban as enquisas, pero non por iso debe obviarse o mérito da mesma e o valor que para a súa consecución tivo o traballo e resiliencia do seu líder José Tomé Roca. A capacidade de manterse firme nas súas formulacións cando os electores parecían darlle as costas durante os mandatos de Severino Rodríguez e o BNG. E tamén o seu esforzo en conseguir atraer para Monforte proxectos empresariais, que agora parece que ao fin verán os seus froitos. E aínda que foi moi criticado pola oposición respecto a algunhas das súas propostas para a cidade, como o cambio da pasarela do Malecón por unha nova ponte, o abuso do asfaltado ou o recente anuncio da praia fluvial, o certo, é que non foi capaz a oposición de canalizar a resposta cidadá e convertela en votos que lles desen opción de ser unha alternativa real aos socialistas. Katy Varela e o PP melloraron os seus resultados subindo 177 votos, pero insuficientes para conseguir máis concelleiros. O BNG foi o único conseguiu un concelleiro máis grazas á subida de máis de 300 votos que logrou, en boa medida polo traballo día a día do seu candidato Emilio Sánchez, e polo tirón do BNG e Ana Pontón a nivel galego. Germán Vázquez e Esperta Monforte conseguiron manter a súa presenza no concello, aínda que de forma moi axustada, co 5,83% dos votos, deixándose polo camiño 370 respecto ao 2019, moitos dos cales seguramente foron a parar ao BNG.
Haberá pois, continuidade no concello, os proxectos en marcha seguirán o seu curso, previsiblemente, durante os próximos catro anos. Un xeito de facer política que parece ter o visto e prace dos monfortinos. O que está por ver é se José Tome manterá o seu poder e influencia política, pois os tempos que veñen parecen convulsos para os socialistas. Aínda que en Lugo manterán o poder na Deputación, en coalición co BNG, algúns rumores alertan sobre a posibilidade de que o alcalde monfortino non repita como Presidente da Deputación. E no goberno central, parece que se achegan nuboeiros para Pedro Sánchez, que se viu obrigado a convocar eleccións anticipadas. Terá Monforte un alcalde que goberne a Deputación? E un goberno central socialista que apoie os seus proxectos de futuro? Paciencia, en pouco tempo saberémolo.•