
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) de Monforte de Lemos, pon de novo en dúbida a xustificación do Sergas sobre o peche de camas estival. Parafraseando os representantes da xerencia que se puxeron en contacto cos medios de comunicación, afirman que “se realizan estudos exhaustivos de actividade de anos anteriores” non obstante, non aportaron ditos estudos, nin amosaron cifras de ningún tipo que sosteñan estas declaracións, só unhas explicacións vagas e sen profundizar moito no tema.
Tamén matizan a información sobre o peche das camas, xa que din que están dispoñibles para usar en calquera momento. É curiosa esta aclaración, sobre todo cando é sabido que todos os anos hai mesturas de pacientes quirúrxicos, nun momento especialmente susceptible para ter infeccións, e pacientes con patoloxías de medicina interna, moitas delas infecciosas. É máis, pacientes de medicina interna conviven a maioría dos veráns con nenos e pacientes de obstetricia na planta de maternidade. A Plataforma celebra que a xerencia esté disposta a facer uso desas camas se realmente fosen necesarias, pero pregúntanse qué persoal sería o encargado de atender ós pacientes, xa que a plantilla de medicina interna ten ocos asignados por todo o hospital para sustituír a compañeiros durante todo o verán.
Aluden tamén a xustificación do peche pola disminución estacionaria de certas patoloxías. Se ben é certo que algunhas enfermidades teñen maior incidencia en épocas con maior humidade e baixas temperaturas, non é menos certo o exponencial aumento da poboación no concello e na comarca en xeral durante estos meses, o que se reduce a unha simple regla de tres, a máis poboación, máis persoas susceptibles de usar o servizos sanitarios, xa sexa por descompensación de enfermidades crónicas, moitas das cales por desgraza non entenden de períodos estivais, ou por accidentes e demáis circunstancias que se poden dar sempre, sexa inverno ou verán.
A Plataforma pídelle a xerencia que mostre os informes nos que se proba que realmente que estos peches son xustificados e que non alteran de ningunha forma o normal funcionamento do hospital, nin afecta ós seus usuarios, xa de por si agraviados pola incesante fuga de médicos.