Neste certame participaron un total de 428 mostras de 182 empresas de toda Galicia

Un ano máis a pasada semana celebráronse as Catas dos Viños de Galicia 2023, que se celebraron no Pazo de Quián en Sergude (Boqueixón).
Catáronse un total de 384 mostras procedentes de 166 adegas pertencentes ás cinco denominacións de orixe e a catro indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas de Galicia. Neste caso, a presenza do viño branco é maior con 264 mostras, mentres que de tinto participan en concurso 120.
Desta forma, elixiranse os mellores viños de Galicia (tinto e branco), ademais dos mellores por cada denominación de orixe e indicación xeográfica protexida. Tamén se escollerán os mellores tintos en madeira ou viños de colleitas anteriores, entre outros.
Analizáronse tamén as augardentes e licores tradicionais de Galicia. Así, foron un total de 44 mostras pertencentes a 16 empresas, das cales 14 correspondéronse coa augardente de Galicia, cinco coa augardente envellecida, outras cinco de augardente de herbas, 12 de licor de herbas e 8 de licor café.
Na D.O. Ribeira Sacra a recollida de mostras fíxose entre o 24 o 26 do pasado mes de maio. Técnicos da Denominación de Orixe acompañaron a técnicos da Acagal para a recollida das mostras participantes. Foron 66 mostras de 25 adegas. Na categoría de brancos presentáronse 6 marcas e 19 na de tintos. Nas demais categorías preséntanse as seguintes marcas: Viños de colleiteiro e de pequenas adegas brancos, 1. Vinos de colleiteiro e de pequenas adegas tintos, 5. Viños de colleitas anteriores brancos, 5. Viños de colleitas anteriores tintos, 9. Viños de elaboración con madeira bancos, 4. Viños de elaboración con madeira tintos, 17.
As existencias mínimas en adega da partida concursante no momento da recollida eran de 5.000 litros, dos que 1.000 litros tiñan que estar embotellados e coa etiquetaxe correspondente. Nas categorías “Viños de Colleiteiro e de Pequenas Adegas”, as existencias tiñan que ser dun mínimo de 2.500 litros dos que un mínimo de 500 litros estarían embotellados e etiquetados.
ACTO DE CLAUSURA
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou na clausura das Catas Galicia 2023 que organiza a Xunta cos consellos reguladores.
O director agradeceu o labor da vintena de catadores a que durante días traballaron de xeito intenso nas catas a cegas para poder desenvolver as diferentes fases do concurso e chegar á xornada final para escoller o mellor viño de cada denominación de orixe, así como para seleccionar os mellores tintos en madeira ou viños de colleitas anteriores.
Así, este evento ten como fin promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.•