O conselleiro do Medio Rural José González destacou que se trata de mellorar a transformación da madeira “baixo criterios de sustentabilidade e racionalidade, xerando emprego e loitando contra o abandono e os incendios”
O conselleiro do Medio Rural, José González, situou o Inventario Forestal Continuo de Galicia como “unha oportunidade de mil oportunidades” para impulsar “un mellor aproveitamento do recurso que nos leve, por tanto, a unha mellor transformación da madeira”. O titular de Medio Rural, acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e da directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Zeltia Lado, participou na clausura da asemblea xeral ordinaria da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (Lugo madera), celebrada na localidade luguesa de Castro de Rei.
Neste acto, José González puxo de relevo a madeira como recurso endóxeno de Galicia e valorou a aportación que supón o Inventario Forestal Continuo como ferramenta para contar con información fiable, clave para xerar o produto, remarcou. Nesta mesma liña, lembrou que a Xunta está traballando na posta en marcha dun Plan estratéxico da industria forestal-madeira, respondendo a unha demanda do propio sector co fin, tamén, de conectar recurso e produto.
O conselleiro trasladou que a propia posta en marcha do Inventario deu tamén cumprimento a un compromiso adquirido pola Xunta con todo o sector para ter unha “radiografía” precisa dos nosos bosques. Defendeu o carácter permanente deste instrumento e puxo en valor, especialmente, que reflicte un crecemento exponencial das frondosas caducifolias nos últimos anos, un recurso que -advertiu- amosa unha gran potencialidade de aproveitamento.
Este acto de clausura tamén contou coa participación do Deputado Provincial de Participación Cidadá en funcións, Roberto García Pernas quen destacou o compromiso da Deputación de Lugo “coas empresas do noso sector primario e, especialmente, coas empresas do sector madeireiro. Lugo, sobre todo a zona norte da provincia, é unha potencia madeireira de primeiro nivel, en Galicia e no conxunto do Estado”. A nosa provincia precisa un sector madeireiro forte, moderno, que xere emprego de calidade, que resulta capital pola súa achega ó noso Produto Interior Bruto pero tamén polo seu impacto positivo en cuestións transversais como o equilibrio territorial e a loita contra o lume”, sinalou o Deputado en funcións.•