A parroquia de Santa María de Niñodaguia pertence ao concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo

O museo taller de olería de Niñodaguia, sito na parroquia do mesmo nome, no concello de Xunqueira de Espadanedo, é coñecido internacionalmente pola conservación e execución de técnicas oleiras tradicionais. Os chamados cacharreiros de Niñodaguia, tamén chamados xarreiros ou calleiros, mantiveron a súa olería tradicional grazas a abundante e peculiar arxila do Monte do Barro, en Veigachá. A arxila, con alto contido en caolín, e as temperaturas ás que se someten as pezas na cocción, dan a esta olería a cor, a lixeireza e o son que a diferencian doutras olerías aproximándoa á porcelana. No Museo-Taller ofrece a posibilidade de facer unha viaxe ao corazón da olería, visitar os antigos fornos, descubrir os usos da vaixela ou introducirnos nos segredos do torno rápido.
Unha aposta pola tradición que con todo non está rifada con iniciativas tan vangardistas como a posta en marcha dun «hall escape», un novidoso xogo, único no panorama museístico do país.
Esta iniciativa, financiada con cargo a Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, nace co fin de dinamizar un espazo expositivo clásico, dotándoo dunha alternativa para achegar a cultura aos visitantes dun xeito completamente distinto ao que estamos habituados.
Sobre unha reprodución dun torno oleiro de Niñodaguia, o hall escape “Operación Monte do Barro” segue a dinámica dos clásicos escape room, onde o grupo debe resolver as distintas probas que se lle plantexan, nun tempo limitado, para conseguir o premio final, “salvar a olería de Niñodaguia da súa extinción”; un xogo co que achegar a identidade e cultura dun pobo a un público que non frecuenta habitualmente este tipo de espazos.
Amplíase así a iniciativa do Consorcio posta en marcha en 2020 coas rutas de escape «Búskalo en Ribeira Sacra».
Está indicado para grupos de entre 2 e 8 persoas (parellas, grupos de amigos, familias…) e a idade mínima recomendada é de 7-8 anos. As reservas poden facerse a través da páxina web do Consorcio de Turismo https://turismo.ribeirasacra.org/reservas.
É o primeiro xogo deste tipo instalado de forma permanente nun museo español. A iniciativa está financiada, con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. •