O novo alcalde sinalou no seu discurso que enfrontarán esta nova etapa con responsabilidade, disposición e rigor, abrindo as portas do concello para escoitar a todos os veciños
Non houbo sorpresas, e tal e como se esperaba, José Luís Rivera Castro de Independientes por Quiroga, convertiuse no novo Alcalde de Quiroga, logo de que no acto de investidura, contase cos votos a favor do do PSdeG- PSOE e do BNG. A nova Corporación queda formada por 11 concelleiros: Independentes por Quiroga: José Luís Rivera Castro, Luis Manuel Arias González (Independiente), María Teresa Pérez Grao (Independiente). Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE: Vicente Parra Vizcaíno e Antonio Marcos Prieto. Bloque Nacionalista Galego: Xosé Manuel Fernández Montes. Partido Popular: José Manuel Pol González, Ana Lucía Nogueira Marcos, Adrián González Losada, María Dolores Sánchez Durán e José Angel Rodríguez Raposo.
O secretario do concello fíxolle a entrega do bastón de mando ao novo alcalde posto que o alcalde saínte non acudía á sesión por motivos familiares.
O xa novo alcalde tivo palabras de recoñecemento para o alcalde saínte, pola labor realizada durante todos estes anos, e para os seus novos compañeiros de equipo, pola súa bondade, disposición de negociación e entendemento.
José Luis Rivera pechou o seu discurso afirmando que enfrontarán esta nova etapa con responsabilidade, disposición e rigor, abrindo as portas do concello para escoitar a todos os veciños.•