A gran cita da cultura en Pantón completou este mes un novo ciclo. Dende finais de maio ata primeiros de xullo, o municipio acolleu diversas actividades no marco das XXXIV Xornadas da Rota do Románico. A primeira cita foi co deporte, coa celebración da tradición carreira popular. A literatura tivo o seu espazo cunha xuntanza de escritores locais, na que participaron Santiago B. Suárez, Andrea Micc e Francisco Ruiz Aldereguía.
CONFERENCIAS NA CASA DA CULTURA
O programa contou con catro conferencias. A primeira, baixo o título «Xudeos, conversos e lendas xudeas na Ribeira Sacra», estivo a cargo do escritor e investigador Felipe Aira Pardo. Pola súa banda, o xornalista e director do Museo do Ferrocarril de Galicia, Luis Blanco Gómez, disertou sobre o patrimonio industrial ferroviario. A seguinte conferencia tivo como protagonistas á figura de Xan de Forcados e á fundación Xosé Soto de Fión, así como da situación actual de Arxeriz, sobre o que falou Xosé Antonio Quiroga Díaz, licenciado en Historia e director do Ecomuseo de Arxeriz.
O ciclo completouse coa conferencia «Apuntamentos para a historia da parroquia de Santa María de Ferreira», a cargo da historiadora Flora Enríquez e do filólogo e investigador Xosé Antón Palacio.
MÚSICA NO MOSTEIRO
A música ocupou dúas sesións destas xornadas. O Mosteiro das Bernardas foi o escenario do concerto que ofreceu Eugenia Sanmartín. Neste mesmo espazo, celebrouse a XI Edición de Sinfonía no Mosteiro, coa actuación de Fisión Atlántica Ensemble, que serviu para pechar as Xornadas do Románico deste ano.•