Esta cita enolóxica consolídase tras reunir ata 30 adegas, a participación máis alta da súa historia
Gastronomía, música e obradoiros para todos os públicos acompañaron a celebración do quinto Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. Durante a fin de semana do 30 de xuño ao 2 de xullo, numeroso público deuse cita no Paseo do Malecón monfortino para degustar os viños das 30 adegas que este ano se sumaron á festa de exaltación dos caldos destas terras.
«A RIBEIRA SACRA, DESTINO TURÍSTICO QUE ESTÁ DE MODA»
Segundo apuntou o alcalde de Monforte, José Tomé, na apertura dos stands, este festival recoñece que «o viño foi o elemento central do desenvolvemento e do crecemento exponencial que tivo a Ribeira Sacra nos últimos 25 ou 30 anos en todos os aspectos». O rexedor destacou o amplo programa de actos desta edición, «esforzo que merece o traballo feito polo sector do viño nas tres últimas décadas», e salientou que este festival «reforza a imaxe do sector vitícola e dun destino turístico que está de moda e que xira, entre outras cousas, entorno á cultura do viño».
Nesta 5ª edición do Festival do Viño, o Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo estivo acompañado, ademais de polos membros da Corporación Local, polo Senador, César Mogo, a Deputada no Parlamento de Galicia, Patricia Otero, do Deputado provincial Pablo Rivera, do presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e da Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez. Tamén estiveron presentes na inauguración dos stands alcaldes e alcaldesas das provincias de Lugo e Ourense, representantes do Consello Regulador da Denominación de Orixe e do mundo do viño.
O quinto Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte tivo como pregoeiro ao lucense José Mouriño Cuba, enxeñeiro técnico agrícola e biólogo, do que Tomé destacou «que foi un dos principais impulsores na creación da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, polo que en gran parte, podemos dicir que hoxe estamos aquí gracias a el». Recentemente, Mouriño Cuba presentou en Monforte o seu libro no que repasa a historia da evolución do viño da Ribeira Sacra.
RÉCORD DE PARTICIPACIÓN, CON 30 ADEGAS, E ZONA DE GASTRONOMÍA
Os viños da Ribeira Sacra estiveron representados nesta quinta edición do festival polas adegas Abadía da Cova, Adega Vella, Algueira, Alma das Donas, Asolagados, Barbadelo, Casa de Outeiro, Adega Corzoas, Cividade, Condado de Sequeiras, Cruceiro, Don Bernardino, EDV, Finca Cuarta, Finca Míllara, Galanteiro, Guímaro, Gullufre, Lucenza, Malcavada, Petrón, Peza do Rei, Ponte da Boga, Priscillvs, Rectoral de Amandi, Sabaínzas, Tear, Tolo do Xisto, Val da Lenda e Viña Vella.
Xunto aos stands do Festival, habilitouse desta volta unha Zona de Gastronomía, coa participación de Embutidos Suarna, Queso negro Buleri, Lácteos Ribeira Sacra, Embutidos Valentina, Helados Xeou, Xamóns D. Francisco, Xamóns Roberto, Panadería Fernández e Panadería Tuiriz, ademais dos establecementos asociados á marca «E para comer, Lugo» Brasería Casa Reboiro e Abadía de San Simón.
RUTAS TURÍSTICAS, ALFARERÍA E OBRADOIROS
Para facer máis interactiva a programación do festival, incluíronse varios obradoiros de balde, destinados a todos os públicos. Os máis cativos gozaron co contacontos de Anxo Moure, o Taller Circense de Circonove, e un showcooking a cargo de Velaísca Animación. A alfarería tivo o seu espazo da man de Figulus, que achegou aos visitantes os segredos da olería tradicional desta zona. Pola súa banda, o público adulto puido participar en dous obradoiros de análise sensorial para apreciar dous perfís diferentes de viños. Ademais, tivo lugar unha masterclass a cargo do recoñecido sumiller Alejandro Paadín, que amosou as características de 10 referencias para comparar os viños da Ribeira Sacra e outros viños internacionais. Todas estas actividades desenvolvéronse nunha carpa instalada no Malecón.
Dado que o viño é un dos atractivos para dar a coñecer a paisaxe, deseñáronse dúas rutas, polo Miño e o Sil, con paseos en catamarán e canoa, e degustacións de viños en diversas adegas. •