Na inauguración do Festival do Viño da Ribeira Sacra, déronse cita diversas personalidades do mundo da política nacional e autonómica, xunto con autoridades das principais institucións. Entre os visitantes que se achegaron a Monforte para desfrutar deste evento enolóxico estivo Francisco Conde, deputado autonómico e candidato do Partido Popular ao Congreso, que visitou os stands das adegas participantes, e definiu o sector vitivinícola como «estratéxico para Galicia e, sobre todo, para o sur da provincia de Lugo».
«SINAIS DE IDENTIDADE» PARA O TERRITORIO
Francisco Conde salientou que «o viño e a paisaxe están estreitamente relacionados na Ribeira Sacra e constitúen dous dos seus principais sinais de identidade da zona”.
O VIÑO EN GALICIA XERA MÁIS DE 230 MILLÓNS DE EUROS ANUAIS
Nesta liña, o que fora conselleiro de Economía da Xunta e agora encabeza a lista do Partido Popular ao Congreso pola provincia de Lugo, lembrou que o sector vitivinícola é tamén unha importante fonte de creación de emprego e de ingresos. Segundo lembrou o candidato dos populares lucenses á Cámara Baixa, a importancia do sector do viño pode estimarse nas cifras actuais. Así, son máis de 10.000 os viticultores en Galicia que xeran máis de 230 millóns de euros ao ano. O exconselleiro manifestou que este peso na economía “non só contribúe a un reto importante como é o de fixar poboación no rural, senón que demostra o seu inmenso potencial”.
No marco do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, Conde fixo referencia a diversas actuacións que se están a impulsar dende a Administración autonómica. O candidato do PP ao Congreso por Lugo afirmou que “Galicia está a avanzar no impulso de medidas, da man do sector, como a estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas”. Nese sentido, Conde considerou “fundamental seguir contribuíndo ao desenvolvemento do sector dende o respecto ao territorio e da man dos viticultores”. •