
A tempada de verán arranca en Quiroga con novidades na promoción dos seus atractivos culturais. Os Museos de Quiroga estrean páxina web, www.museosquiroga.org, que foi financiada polo Plan de Sostenibilidade Turística do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.
A nova web incorpora información sobre o Museo Etnolóxico e o Xeolóxico, ademais do denominado museo ao aire libre «Arte no Ar», no que se integra unha ruta de arte urbana e a ruta literaria «Quiroga, territorio literario».
Unha das novidades que incorpora é un código QR que permite aos visitantes acceder a unha locución na que se explica en tres idiomas, galego, castelán e inglés, os contidos de cada sala dos Museos Xeolóxico e Etnográfico. A mesma tecnoloxía do código QR permite outra das funcionalidades desta nova web: a posibilidade de dispoñer dunha tradución ao castelán e ao inglés dos paneis que ilustran as salas do Museo Xeolóxico.
Ademais, dende a web pódense consultar horarios e prezos, facer reservas e descargar os folletos promocionais dos Museos de Quiroga. (Foto EC) •