O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra pon en marcha este verán un servizo de transporte en microbús lanzadeira aos principais destinos, para evitar problemas de estacionamento en embarcadoiros, mosteiros ou áreas de ocio con elevada afluencia de visitantes
Recentemente, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, recibiu o Plan de Acción do Plan de Mobilidade Sostible Ribeira Sacra (PMS), o cal, entre outras cuestións, recolle as problemáticas habituais que experimenta o destino en tempada alta en determinados recursos, como son os embarcadoiros, mosteiros ou outras zonas de ocio, como a Praia da Cova. A tal efecto, o documento contempla como posibles solucións a implantación de novos servizos de transporte turístico colectivo ou o trasvase modal de acceso a embarcadoiros (lanzadeiras).
Con isto, e tendo en conta as consideracións do equipo experto responsable da elaboración do PMS, o Consorcio de Turismo pon en marcha unha proba piloto deste servizo de lanzadeiras en 5 puntos do territorio que rexistran unha elevada afluencia de visitantes e tránsito de vehículos na tempada estival.
Os 5 novos servizos funcionarán gratuitamente todos os días entre o 15 de xullo e o 30 de agosto. Esta periodicidade permitirá analizar o funcionamento do servizo nas semanas máis fortes en afluencia do ano. Cos resultados acadados e os axustes que sexan precisos, levaríase a cabo a organización ou contratación dos servizos lanzadeiras de cara aos períodos de tempada alta do ano 2024.
Do mesmo xeito, os horarios plantexados para este verán 2023 son unha proposta de frecuencias para avaliar o nivel e picos de demanda do servizo, de tal xeito que estes poden sufrir variacións ao longo da tempada en función da demanda real de prazas.
A capacidade do transporte variará dependendo do percorrido a realizar, entre as 16 e 30 prazas por traxecto. Póñense así a disposición máis de 1.200 prazas nas lanzadeiras para intentar desconxestionar de vehículos as áreas de maior afluencia de visitantes e problemáticas para o estacionamento.
ITINERARIOS DAS LANZADEIRAS
Os itinerarios das lanzadeiras serán os seguintes:
1.Monforte de Lemos – Embarcadoiro de Belesar: 28 prazas
- Monforte de Lemos – Doade (pobo) – Embarcadoiro de Ponte do Sil: 28 prazas
- Escairón – Belesar – Praia da Cova: 16 prazas
- Castro Caldelas – Abeleda (pobo) – Embarcadoiro de Abeleda: 29 prazas
- Lanzadeira ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil: 19 prazas
Estas 5 lanzadeiras súmanse á do Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, posta en funcionamento no verán do 2021, tamén no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra.
RESERVAS
Dende xa, é posible a reserva previa de prazas en todos os servizos de lanzadeira, agás no do mosteiro de Santo Estevo, onde non será precisa e no mosteiro de Santa Cristina, no que as sas reserve atopan abertas dende comezos do verán.
a ligazón para as reservas (ata 1 hora antes da saída): https://turismo.ribeirasacra.org/es/reservas | https://turismo.ribeirasacra.org/lanzadeiras-ribeira-sacra-2023. Máis información: turismo@ribeirasacra.org | 638 823 592 (10:00 a 18:00 h)
Os servizos de lanzadeiras son cofinanciadas pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, con cargo á partida de Mobilidade Sostible do Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra. •