Socialistas e nacionalistas, acordaron asinar un pacto de goberno para o mandato 2023-2027 na Deputación de Lugo, que leva a José Tomé Roca a repetir como Presidente, e incorpora a Efrén Castro como novo Vicepresidente. O acordo supón dar continuidade ao goberno bipartito, e según declaran socialistas e nacionalistas, «permitiralles continuar co proceso de transformación radical do funcionamento desta institución, co obxectivo de servizo á cidadanía no seu conxunto, tendo como principio irrenunciable garantir o funcionamento obxectivo e transparente da mesma, eliminando todo tipo de arbitrariedade e/ou discriminación no desenvolvemento da súa actividade». Según o acordo, a asistencia, cooperación e elaboración cos concellos reafirmase como a competencia nuclear da Deputación, presidida polo mutuo recoñecemento entre iguais, garantindo que a autonomía municipal sexa realmente efectiva. Reiteran o seu compromiso «por impulsar a maior transferencia de recursos económicos posibles aos concellos respectando as singularidades que lles son propias. Todo isto enmarcado dentro dun sistema racional e eficiente que procure prestar en rede os mellores servizos á cidadanía a un menor custe».
Un eixo que consideran fundamental de traballo será a procura do adelgazamento das deputacións, emprazando á Xunta a iniciar e comprometerse en procesos sobre o traspaso de infraestruturas, equipamentos, centros e servizos que deban ser transferidos á comunidade autónoma. Isto farase respectando en todo momento os dereitos laborais das traballadoras e traballadores dos centros e servizos que resultaran afectados.
Socialistas e nacionalistas, consideran que o acordo de goberno alcanzado serve para poñer en valor a cultura do diálogo e consenso na vida pública e lembran que o que están a facer é poñer en valor a vontade cidadá. Un dos compromisos acadados no acordo é incrementar o Plan Único para os Concellos en 250.000€ cada ano ata acadar 1 millón de euros no mandato.
NOVA CORPORACIÓN PROVINCIAL
José Tomé Roca, na súa toma de posesión do cargo de Presidente da Deputación de Lugo, durante o Pleno de constitución da nova Corporación provincial, destacou que dará “un novo impulso ó proxecto de progreso social e económico que temos para a provincia, consolidando para elo a cooperación cos concellos como elemento vertebrador de todas as nosas políticas”. “A Deputación é o Concello dos Concellos. Esta é a miña máxima. Por iso, traballaremos cada día para que esta institución sexa o máis útil posible a cada un dos 67 concellos de Lugo, porque esta é a mellor maneira de ser útiles ós 323.989 veciños e veciñas da nosa provincia, e asegúrolles que os datos demostran que somos útiles”
Continuou José Tomé Roca recalcando que tras un primeiro mandato no que “recuperamos a estabilidade da institución, afrontamos retos inimaxinables naquel momento como a pandemia dándolle asistencia ós concellos e despregamos un ritmo de xestión e execución constante e moi elevado, cunha media do 85% de execución do Orzamento de gasto, o meu compromiso de cara o futuro é facelo aínda mellor”, subliñou o Presidente.
“Estabilidade, rigor, transparencia, xestión e política de feitos” son os valores que guiarán o segundo mandato de José Tomé Roca á fronte da institución, no que, asegurou, “volcaremos todos os recursos posibles para sacar adiante conxuntamente cos concellos medidas e proxectos que acerquen os servizos públicos á xente e que contribúan a manter e crear emprego, a única fórmula que nos permitirá afrontar con eficacia o reto demográfico, o maior problema que temos na actualidade”.•