O Concello de Monforte bonifica o 95% do ICIO a Oviganic Ibérica

Nun pleno extraordinario celebrado esta semana, que contou cos votos a favor de socialistas e populares, e coa abstención de Esperta Monforte e BNG

O pasado 5 de xullo, celebrouse un pleno extraordinario do concello de Monforte, para, por unha parte, decidir sobre a bonificación do ICIO a Oviganic Ibérica e por outra a aprobación da modificación da ordenanza fiscal do ICIO, artigos 7, apartado b.
En primeiro lugar aprobouse o carácter extraordinario do pleno. Unha vez aprobado, comezouse a tratar o tema relativo á bonificación do ICIO a Oviganic. A proposta era aprobar unha bonificación do 95% do ICIO que a empresa tería que abonar polas obras de ampliación que vai acometer. A liquidación do imposto ascendía a 320.151,38 €, e segundo a ordenanza, ao xerar co investimento máis de 6 postos de traballo (15 novos postos xerarase logo do investimento), procede bonificar o 95%, é dicir 320.151,38 €, polo que Oviganic Ibérica, deberá pagar 16.850,07 €. Os portavoces de BNG e Esperta Monforte, quixeron deixar claro as súas dúbidas respecto a que o novo investimento a levar a cabo por Oviganic, estivese dentro do establecido pola ordenanza. Literalmente, Emilio Sánchez, portavoz nacionalista, sinalou que é posible que esta interpretación extensiva, estivese a rozar a prevaricación. O Alcalde José Tomé Roca, discrepou desta interpretación, e considerou que se está a aplicar literalmente a norma. Finalmente e a pesar destas disquisiciones, a bonificación foi aprobada cos votos a favor de PSdeG e PP, e a abstención de BNG e Esperta Monforte. O último punto da orde do día facía referencia á modificación da ordenanza fiscal do ICIO, para dar cabida á bonificación a un novo proxecto empresarial que se instalará en Monforte, e que polo tipo de actividade a desenvolver non podería implantarse nin no Polígono do Reboredo nin no Porto Seco de Monforte, áreas nas que ata o de agora era necesario implantar os novos proxectos empresariais para ser susceptibles de bonificación. O proxecto exposto por Acios Glamping & Wine SL xerará 7 postos de traballo. Esta modificación terminou sendo aprobada cos votos de PSdeG, BNG e Esperta Monforte, e coa abstención do PP.

APOIO DA XUNTA A OVIGANIC
A Xunta apoia a ampliación e a incorporación de novas liñas de produción na empresa láctea Oviganic, que foi declarada iniciativa empresarial prioritaria polo Goberno galego. Na práctica, supuxo reducir á metade os prazos de tramitación para levar a cabo o proxecto.
A Consellería do Medio Rural achegou máis de 3 millóns de euros á empresa a través do programa de apoios para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, dos que abonou o pasado mes de maio 1,2 millón de euros correspondentes á ultima anualidade. Actualmente tramita unha nova solicitude presentada ao abeiro da convocatoria deste ano.
A multinacional láctea recibiu en concreto 3.031.460,88 euros para a factoría monfortina mediante esta liña de incentivos, impulsando un investimento global de 13,7 millóns de euros.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Convocadas as axudas para fomentar a agricultura de precisión e a economía circular no sector agrario

Seguinte Nova

Francisco Conde: “Con Feijóo presidente,o futuro de Altri xa estaría garantido»

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: