A dúas semanas da renovación da maioría dos contratos de compra de leite en Galicia, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla acusa ás industrias lácteas de estar «enriquecéndose unha vez máis a costa dos produtores».
Agromuralla considera que «non existen razóns obxectivas de ningún tipo para unha nova baixada de prezo do leite en orixe máis aló da intención das industrias e as cadeas de distribución de facer caixa a costa de estrangular aos gandeiros».
«Resulta absolutamente inaceptable e intolerable unha nova baixada de prezos, como pretenden levar a cabo de xeito premeditado e coordinado todas as empresas que compran leite en Galicia», denuncia a asociación de gandeiros e gandeiras,
Agromuralla lembra que «España é un país deficitario en produción de leite» que se ve obrigado a mercar «máis dunha cuarta parte dos produtos lácteos que consume», polo que «o prezo debería reflectir esa realidade». A produción total española é uns 7,3 millóns de toneladas, e as importacións supoñen 2 millóns de toneladas máis. «Neste momento están entrando pola fronteira cada día máis de 30 camións cisterna cargados de leite», explica a asociación de produtores.
DESCENSO DO 30% DO PREZO DO LEITE
O día 31 de xullo vencen a maioría de contratos de compra de leite en Galicia e as ofertas de renovación das distintas empresas inclúen baixadas de entre 3 e 5 céntimos. Trátase do terceiro descenso no que vai de ano, no que o prezo do leite pagado ás granxas caeu entre 15 e 20 céntimos, o que supón un descenso do 30% desde o mes de decembro. «Nos supermercados o prezo do leite segue custando o mesmo, polo que as industrias e cadeas de distribución están aumentando as súas marxes a base de afogar aos que producimos o leite. É algo que debe saber o consumidor», insiste Agromuralla. Ademais, «os insumos que temos que adquirir as granxas para o noso traballo diario non baixaron na mesma proporción que o está a facer o produto que vendemos.» A asociación de gandeiros denuncia ademais que os produtores seguen sen ter «capacidade real de negociación» e que os instrumentos legais establecidos ao respecto estanse a demostrar «inservibles na práctica». •