No ano 1998 creouse entre a comarca de Sarria e a comuna de Guerlédan, situada na Bretaña francesa, unha irmandade que tiña por obxectivo favorecer intercambios culturais, lingüísticos e económicos. O obxectivo do acordo é establecer intercambios de todo tipo entre dúas comunidades máis próximas do que a distancia xeográfica faría supoñer. A unión e os irtencambios fórxanse nas viaxes de bretóns a Sarria nos anos impares e de sarriaos á Bretaña nos pares. Nos últimos tempos tamén se están a realizar intercambios entre estudantes dun instituto de Sarria e outro de Mûr, vila cabeceira de Guerlédan. Dende entón, periódicamente realízanse viaxes en verán e teñen unha duración aproximada dunha semana. Durante a estancia os visitantes hospédanse nas casas dos locais, e todos xuntos realizan as excursión diarias que a asociación local prepara ao longo do ano. Neste 2023, cúmprense 25 anos desta irmandade.
RECEPCIÓN OFICIAL
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a deputada de Cultura Iria Castro recibiron no Pazo de San Marcos a unha delegación de Guerlédan, na Bretaña, que participa ao longo desta semana nun programa actividades polos 25 anos do irmandade entre Sarria e Guerlédan.
As viaxeiras e viaxeiros chegados da Bretaña, acompañados por veciñanza de Sarria, percorreron o interior do Pazo de San Marcos e o xardín, coñecendo tanto o edificio como a función e a fórmula de elección dos representantes provinciais, homologables ao departément francés.
O vicepresidente da Deputación, tamén concelleiro en Sarria, felicitou “a sarriás e bretóns por manter os lazos ao longo destes 25 anos, contribuíndo a visibilizar tamén os vínculos culturais entre Galiza e a Bretaña”. No nome da delegación bretoa, Monique Le Clézio, elixida do Conseil Général des Côtes d’Armor -o departemet francés ao que pertence Guerlédan – fixo un chamado a tolerancia en Europa.
A visita á institución provincial formaba parte do programa do Irmandade entre Sarria e Guerlédan, nunha xornada na que tamén visitaron o Centro de Artesanía e Deseño e o Museo de Lugo, así como Santalla de Bóveda.
A delegación bretona chegou a Sarria o mércores, onde quedarán ata o martes. Ademais de Sarria e Lugo, nestes días achegaranse, entre outros lugares, a Bretoña, o Festival de Pardiñas – onde o venres, Justine Frelaut falará sobre a cultura bretoa e a función dos Círculos Célticos e impartirá un obradoiro de danzas con participación aberta – ou o Xeoparque do Courel.•