Durante a tempada estival, estase a desenvolver unha nova edición da Campaña de Verán da Xunta de Galicia, unha proposta que ofrece unha variada alternativa á mocidade para o seu tempo de lecer, pero que tamén dá ás familias máis facilidades para a conciliación.
GALICIA, A COMUNIDADE CON MÁIS PRAZAS DE VERÁN
Baixo o lema “O verán que sempre vas lembrar”, que se desenvolve durante os meses de xullo, agosto e setembro, a campaña da Xunta oferta máis de 11.200 prazas distribuídas en campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado, ademais doutras actividades. Desta volta, a campaña supón a maior oferta da historia da programación estival da Xunta, situando a Galicia como a comunidade que máis prazas ofrece de toda España.
46 CAMPOS DE VOLUNTARIADO
Dentro do paquete de opcións lúdicas que inclúe esta campaña de verán, destacan os campos de voluntariado que a Xunta organiza en colaboración cos concellos. O gran interese que despertan este tipo de iniciativas levou a programar un total de 46 campos, que no caso do das Illas Cíes, ofrece ata cinco quendas, sendo ademais un dos máis antigos que se veñen desenvolvendo en Galicia. No conxunto da campaña, hai máis de 700 prazas a disposición de mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, procedentes tanto de Galicia como do resto de España e do estranxeiro.
CINCO CAMPOS DE VOLUNTARIADO MÁIS PARA ESTE VERÁN
Dado o éxito deste formato de lecer, a Xunta vén de aumentar este verán o número de campos de voluntariado, coa estrea dos de Santa Comba, na provincia de A Coruña, o de Pantón en Lugo, e o de Viana do Bolo en Ourense, ademais doutro compartido entre os concellos de Vilar de Santos e Allariz, tamén na provincia de Ourense.
Por outra banda, recupérase nesta tempada o campo de voluntariado de Castro de Rei, na provincia de Lugo, destinado especificamente para mozos galegos que residen no exterior.
Por provincias, a campaña desenvolve 14 campos de voluntariado en Pontevedra, e 13 en A Coruña, mentres que 11 teñen lugar en terras ourensás e 8 en municipios lucenses.
MELLORA DA CONTORNA E VALORES DE CONVIVENCIA
Os campos de voluntariado ofrecen diferentes modalidades, que abranguen desde a conservación do medio ambiente ata a posta en valor do patrimonio histórico, pasando pola cultura, a etnografía, o audiovisual ou a arqueoloxía, con espazo tamén para a dinamización turística ou o ámbito social. Os participantes nos campos de voluntariado realizan de forma desinteresada labores e actividades que redundan na mellora da contorna, o que lles permite tamén fomentar a convivencia, a tolerancia e a solidariedade.
COMO INSCRIBIRSE
En xullo, boa parte dos campos de voluntariado cubriron a totalidade das prazas. A inscrición nesta programación está aberta ata 3 días antes do comezo do campo, e formalízase en liña na web xuventude.xunta.es. Na mesma páxina figura a programación completa, que inclúe ademais outros campos de voluntariado en Castela A Mancha, Castela León, Estremadura, A Rioxa e a Comunidade Valenciana, ademais dos desenvolvidos en Portugal, Francia, Alemaña, Islandia e Estonia.•